Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda o nomeamento dunha glorieta...

A CONCELLEIRA DE FACENDA RENUNCIA Á DEDICACIÓN PARCIAL

O pleno aborda o nomeamento dunha glorieta dedicada aos bombeiros voluntarios e adapta ao IPC as taxas de augas

Venres 28 de xaneiro do 2011

Outro dos asuntos principais da orde do día é a renuncia da Concelleira delegada de Facenda e Patrimonio, María Jesús Vázquez Vázquez, á súa dedicación parcial aprobada no pleno de xullo de 2007. Segundo explica o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña, os motivos foron unha oferta profesional que impide que a Concelleira manteña un horario continuado no Concello. Porén, María Jesús Vázquez continuará no seu cargo ata o mes de xuño, mantendo o seu compromiso, pero sen retribución económica. Así mesmo, Viña explica que nestes momentos xa está moi avanzado o borrador dos orzamentos de 2011, e que a Concelleira pode compatibilizar perfectamente o seu labor para sacar as contas adiante e defendelas na sesión plenaria de febreiro, cando se debatirán case con toda seguridade. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo manifestar a súa "total comprensión pola súa situación laboral", o seu "recoñecemento por todo o traballo previo" e o seu "apoio pola decisión adoptada", subliñando que María Jesús Vázquez segue a ser membro da corporación e continuará co seu labor ata a fin do mandato.

A sesión tambén prevé a aprobación dunha moción presentada por Terra Galega na que se insta á Xunta a solucionar o conflito coa empresa de ambulancias Ambugallegas, que se encarga do transporte sanitario non urxente na Costa da Morte e que leva máis de sete meses en folga indefinida. TEGA propón que se restableza o servizo completo a todos os enfermos, ademáis de manifestar o desexo de que todos os concellos da Costa da Morte se unan a esta petición. O goberno manifestou a súa intención de apoiar esta proposta no pleno, ademais de ter remitido o pasado 18 de xaneiro unha carta á Consellería de Sanidade neste sentido e tamén a todos os alcaldes de Bergantiños. Así mesmo, engádese unha enmenda á proposta na que se solicita a dotación dunha ambulancia medicalizada con sede en Carballo. A sesión plenaria recolle tamén na orde do día unha pequena modificación ao Plan de Obras e Servizos (POS) 2011, así como a comparecencia do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, para falar sobre a obra de mellora da Travesía de Malpica. Por último, a sesión pecha coa presentación dun informe por parte do voceiro de TEGA, Manuel Andrade, que foi comisionado no pleno de novembro para facilitar a adquisición de terreos para ampliar o cemiterio de Berdillo.

Compartir: