Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o acto de inauguración da...

XOVES 3 DE FEBREIRO ÁS 19.00 HORAS

Carballo acolle o acto de inauguración da exposición e a entrega de premios da IX Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

Mércores 2 de febreiro do 2011

Ademais deste acto, tamén o xoves 3 de febreiro ten lugar unha reunión do Secretariado da Capitalidade Cultural ás 16.00 horas no Pazo da Cultura. O motivo é a preparación dos actos da Capitalidade Cultural, que este ano será na cidade portuguesa de Viana do Castelo. A esta reunión asistirán os representantes das cidades de Gaia, Viana do Castelo, Vilagarcía de Arousa, Sarria e Bragança. A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico é un acontecemento artístico de primeira magnitude, xa que, ademais de promocionar aos artistas da Eurorrexión, se consolida como unha das tres mellores exposicións itinerantes de pintura da Península Ibérica. Na última edición foron elixidas unha trintena de obras. Hai que destacar que esta exposición cumpre nove edicións, cunha cadencia de entre un e dous anos de exposición itinerante, é dicir, un periplo de 15 anos de historia do Eixo Atlántico, sendo unha das primeiras iniciativas da entidade transfronteiriza. Ademais, constitúese como a única exposición en Europa de carácter itinerante e que se desenvolve en dous países. O obxectivo da Bienal de Pintura é o impulso á creatividade dos artistas e á creación de valor engadido no patrimonio artístico da Eurorrexión. Segundo as bases, cada autor pode concursar só cunha obra de pintura, orixinal e inédita e que non fose exposta, nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso. Tanto o tema como a técnica a utilizar son de libre elección.

Catro mencións do xurado
Unha vez pechada a recepción de obras, o Xurado, formado por sete membros (neste caso: Xosé Luís Otero, Rita Fidalgo Oitavén, Mª Geraldes, Ana Pais Oliveira, Miguel Cuba Taboada, Albuquerque Méndez e un representante da entidade Novacaixagalicia) seleccionou os traballos finalistas nun número máximo de 30 que constitúen unha colección itinerante para as sucesivas exposicións que, durante dous anos teñen lugar nas cidades asociadas de Galicia e da Rexión Norte de Portugal, comezando por Carballo, onde a mostra estará até o 28 de febreiro. O premio "Eixo Atlántico" á mellor obra do certame, esta dotado con 3.000 euros; os dous segundos premios son de 1.500 euros cada un, e están destinados á mellor obra de autor portugués e á mellor obra de autor galego respectivamente. O premio "Jovens Talentos Luso-Galaicos" para novos artistas, con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos, inclusive, ten un valor de 1.500 euros.

Nesta edición tamén hai catro mencións especiais do xurado a "Rapaz com cesto de frutas" de Liliana Claro, "No.164" de Gerit Hein de Visser, "Refreado contido" de Mingos Teixeira e "Homage to Fibonacci I" de Marisa Ferreira. Ademais, O Eixo Atlántico editara un catálogo de tirada limitada con todas as obras seleccionadas, que así mesmo, poderá ser descargado na páxina web do Eixo Atlántico. A Bienal de pintura do Eixo Atlántico é desenvolvida pola colaboración entre o Eixo Atlántico, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, Novacaixagalicia, a Fundação da Juventude, e o Instituto Português da Juventude.

Compartir: