Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música chegada do Reino Unido e...

VENRES 4 ÁS 21.00 HORAS E DOMINGO 6 ÁS 18.00 HORAS

Música chegada do Reino Unido e monicreques con forma de globo estrean os Venres Culturais do mes de febreiro

Xoves 3 de febreiro do 2011

O concerto do venres que abre a fin de semana presenta un traballo de Duncan Maitland que está a ter moi boas críticas pola súa nova concepción do pop psicodélico, actualizado e con novos matices cromáticos. Nesta xira española está acompañado por outro talento irlandés, Barry O'Brien, que acaba de publicar o seu primeiro álbum co seu grupo Slumberjet, un compendio do mellor powerpop e sons dos 60 e 70. Barry acompañará a Duncan na súa actuación e interpretará unha selección das súas composicións. O concerto ten unha duración prevista dunha hora. Por outra banda, os cativos e cativas están de sorte, xa que poden desfrutar o domingo 6 dunha orixinal proposta de monicreques da man de "O retrete de Dorian Gray". A compañía está formada por Ezra Moreno e Marcos PTT, dúas persoas ás que lle gusta facer que a xente ría, chore, sinta emocións ou incluso se enfade cos seus espectácuos. Adoitan traballar con luvas ou bombíns, transformando as cousas, que non son o que parecen. Non levan os seus espectáculos só por teatros, senón tamén por carpas e outros espazos non específicos para o teatro.

"O Retrete de Dorian Gray" pretende explorar os escabrosos territorios do teatro visual, o teatro físico ou a manipulación de obxectos sen esquecer que o espectador está aí adiante, ou aos lados, e mesmo detrás, de modo que para non deixarlle de lado, investigan formatos próximos, nos que ver un espectáculo sexa algo máis que un estímulo ocular e auditivo. Os seus espectáculos, "Blazek" e "Rúa Aire", coproducido polo Centro Dramático Galego, así coma os seus formatos de entresort "Ne Me Quitte Pas" e "Teatrillo Mágico", estiveron presentes en festivais como Escena Poblenou (Barcelona), Trapezi (Reus), Panorama (Olot), Mostra de autores Contemporáneos (Alicante), EnClave de Calle (Burgos), Festival internacional Molina de Segura, Pistes de Lancement (Bruselas), Millenium Jam (Bélxica), Gest (Esparreguera), 1,2,3 pallaso! (Tiana), Veranos de la villa (Madrid), Galicreques Abrazos o D’Gorra (Compostela), ademais de salas como Carme Teatre, Teatro Pradillo ou a Sala Nasa. Coa proposta "Rúa Aire" pretenden realizar unha renovación e unha corrente de aire fresco no panorama teatral e de títeres. A experimentación, iniciada na súa peza "Ne me Quitte pas", baseada na construccion de monicreques con globos, enche un pesadelo inflable, unha viaxe polo interior dunha máquina de procesado de globos, polos trebellos da fantasia, que amosarán a todos que non é sinxelo ser un globo. E menos aínda no "retrete de Dorian Gray".

Compartir: