Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo e o Eixo Atlántico fortalecen os...

A EXPOSICIÓN: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 28 DE FEBREIRO

Carballo e o Eixo Atlántico fortalecen os vínculos entre Galicia e o Norte de Portugal coa IX Bienal de Pintura

Venres 4 de febreiro do 2011

Esta novena edición da Bienal, segundo resaltou Vázquez Mao, contou cun grande número de partipantes e a cita tense convertido xa nun espazo para impulsar novos artistas, como é o caso de Xosé Luis Otero, un dos gañadores da edición de 2006/2007 "artista humilde que hoxe é un nome de referencia", ou Edmundo Paz, gañador en 1999. A gañadora deste ano, a pontevedresa Monserrat Frieiro Dantas por "Camiño", recolleu o premio -dotado con 3.000 euros- de mans de Manuel Martínez Bestilleiro, responsable da Novacaixagalicia para A Coruña e Bergantiños; Miguel Vasconcellos recibiu o segundo premio á mellor obra portuguesa -de 1.500 euros- por "20 Cabeças", neste caso de mans de Iolanda Otero, Sudirectora xeral de Xuventude; o segundo premio á mellor obra galega -de 1.500 euros- foi para Joseba Muguruzábal Pérez, que non puido estar no acto de entrega, polo que recolleu o premio no seu nome Raquel Iglesias Gándara de mans de Vítor Díaz, director do Instituto Portugués da Juventude; e a propia Raquel Iglesias Gándara recolleu o seu premio aos novos talentos luso galaicos -para mozos/as de entre 19 e 25 anos e dotado con 1.500 euros- por "Manadas paseando nun centro comercial", de mans de María Giraldez, da Fundaçao da Juventude.

O Alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto subliñando que para Carballo "é unha honra ter sido escollida para a entrega destes premios", e resaltando a vontade de Carballo de querer "estar no Eixo, non só figurar", e que "a Costa da Morte forme parte tamén do territorio do Norte de Portugal". Invitou a todos os artistas a que continúen transmitindo novos valores á sociedade carballesa e pechou poñendo o Pazo da Cultura a disposición do Eixo Atlántico para actos futuros e desexando que se sigan "fortalecendo os vínculos entre Galicia e o Norte de Portugal". O xoves 3 de febreiro, día da inauguración da exposición, tamén foi o momento dunha xuntanza do Secretariado da Capitalidade Cultural no Pazo da Cultura. O motivo foi a preparación dos actos da Capitalidade Cultural do Eixo, que este ano será na cidade portuguesa de Viana do Castelo. A esta reunión asistiron, ademais do Alcalde, Evencio Ferrero, a Concelleira de Cultura de Carballo, Belén Lendoiro; os seus homólogos de Vilagarcía de Arousa e Viana do Castelo, Xosé Castro e María José Guerreiro; e a responsable do Departamento de Programas do Eixo, Rita Fidalgo. Segundo explica o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Vázquez Mao, a capitalidade é unha aposta que se vai converter "nunha plataforma para novos creadores", "xente que fai un traballo extraordinario e moi difícil" e que conta con grandes grupos de rock, de jazz, grafitti e banda deseñada, etc., "pero non están tendo oportunidades".

Compartir: