Inicio Carballo ao día Hemeroteca EME2, Emoción&Arte, presenta no marco...

VENRES 11 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

EME2, Emoción&Arte, presenta no marco dos Venres Culturais a obra "Sexo? Por que non?"

Mércores 9 de febreiro do 2011

Mercedes Castro conta cunha importante traxectoria no panorama escénico e no audiovisual galego, e na actualidade está acadando moito éxito de público e crítica coa serie "Padre Casares" da TVG, na que interpreta o papel de Amelia. En "Sexo? Por que non?" encarna a máis de dezasete personaxes, a saber: Adán, Eva, un anxo, Yahvé-Deus, Carlos de Inglaterra, un señor de Boloña, un famoso cirurxián, Rosalía -unha morena impoñente-, o produtor do espectáculo, un tremoia, a irmá de Mercedes Castro -de nome Aurora-, a nai de Mercedes Castro, varias amigas da infancia de Mercedes Castro e algún dos seus fillos, e incluso a propia Mercedes Castro, que debería ser a protagonista, aínda que a pobre non pode estar aquí porque non pode separarse do seu mozo, que, por certo, tamén aparece, aínda que só por teléfono. EME2 non considera "Sexo? Por que non?" un monólogo, porque, aseguran, un monólogo é outra cousa, é o desenvolvemento do monólogo interior -de aí o nome- dun personaxe, pero aquí é todo exterior, acción, interrelación entre personaxes distintos que discuten, quítanse a palabra, pelexan. E axúdanse a apóianse, tamén.

Realmente, para ser unipersoal "Sexo? Por que non?" ten máis acción que moitas das obras de teatro para varios actores. Ademais é unha acción moi dinámica, que esixe unha alta dose de enerxía por parte da intérprete, pois as accións polas que pasa son intensas e sempre sorprendentes, desde a descuberta do sexo por parte de Adán e Eva, dentro do Paraíso e coa participación dun demo moi especial, ata unha clase particular de como conseguir o orgasmo feminino, chea de humor e de ritmo, como non podía ser doutro xeito. En canto ao texto, Franca Rame decidiu poñer en escena un libro escrito polo seu fillo, Jacopo Fo, titulado "O Zen ou a arte de foder", que tivo un éxito desmesurado entre a mocidade italiana nos anos noventa. Arroupada polo seu marido Darío Fo e polo propio Jacopo, construíu un monólogo á altura da grande actriz que é, no que é difícil de diferenciar a voz de Franca da do personaxe que interpreta. Estreado baixo o título "Sesso? Grazie, tanto per gradire!" o 18 de novembro de 1994 no Teatro Comunale de Cervia, o espectáculo estivo máis de catro anos en cartel en Italia. Franca Rame e Dario Fo constitúen a parella por excelencia da dramaturxia contemporánea. Sempre comprometidos coa vertente social do teatro, compuxeron textos de denuncia social e crítica aos modos de vida e á conformación do poder occidental. Dario Fo recibiu o premio Nobel de Literatura en 1997.

Compartir: