Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello solicita aos veciños e...

AS SANCIÓNS PODEN CHEGAR AOS 300 EUROS PARA INFRACCIÓNS LEVES

O Concello solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa normativa que impide que os cans anden ceibes

Martes 15 de febreiro do 2011

O artigo número 15 da ordenanza recolle especificamente as prohibicións existentes en relación á protección e tenencia de animais. Así, con carácter xeral, nos espazos públicos os cans circularán suxeitos con correa e cadea con colar; queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública; as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixiénicamente aceptable nos contedores de recollida de lixo nos lugares que a Autoridade Municipal destine expresamente ó devandito efecto. Queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros. O Concello lembra que hai habilitados no Parque do San Martiño e no Parque do Anllóns espazos especiais para que os cans fagan as súas necesidades. Hai que mencionar, así mesmo, que o Concello de Carballo só se responsabiliza das infraccións leves, que van dende os 150 aos 300 euros.

As infraccións graves e moi graves son responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e implican a negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requerida polas autoridades competentes ou os seus axentes, en orde ao cumprimento das funcións estabrecidas na Ordenanza, así coma o subministro de información inexacta ou de documentación falsa. Considerarase, asimesmo, coma infracción grave a reincidencia en infracción leve. Considérase infracción moi grave a reincidencia en infracción grave. As sancións nestes casos vandesde 301 ata 2.404 euros nas graves e nas moi graves, desde 2.405 ata 15.025 euros. A Ordenanza que regula a protección e tenencia de animais ten en conta tanto as molestias e perigos que poidan ocasionar os animais como o valor da súa compañía para un elevado número de persoas, tal como é o caso da axuda que poidan prestar polo seu adestramento e dedicación, como cans lazarillos, os seus traballos de salvamento e todos os demais nos que os animais domésticos proporcionan aos humanos satisfaccións deportivas ou de recreo. O obxectivo do regulamento é acadar a convivencia de veciños e veciñas e as mascotas, polo que a Concellaría de Medio Ambiente roga o cumprimento da normativa, que pode consultarse na parte superior dereita nesta mesma nova.

Os interesados/as en consultar a ordenanza polo miúdo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: