Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os índices de seguridade manteñen a...

ATENDÉRONSE 323 EMERXENCIAS E HOUBO 151 DELICTOS

Os índices de seguridade manteñen a súa evolución favorable no Concello durante o ano 2010

Venres 11 de febreiro do 2011

Tanto Javier Souto Facal como Constantino Vázquez, Xefe do servizo de Protección Civil de Carballo e Sarxento da Policía Local, quixeron subliñar que os datos refírense unicamente ás denuncias realizadas polos veciños e veciñas e aos casos dos que eles teñen constancia. Así, faltan os datos do 112 e o balance máis completo realizarase na reunión da Xunta Local de Seguridade, onde se achegan tamén os datos da Garda Civil. Porén, hai datos dignos de mención, como o feito de que non se rexistrara ningún morto en accidente de circulación, aínda que se contabilizaron 33 sinistros con vítimas, 10 delas peóns. Constantino Vázquez quixo mencionar, así mesmo, que Carballo non conta con ningún punto negro da circulación, aínda que, maís polo miúdo, Javier Souto explicou que en parroquias como Bértoa, pola que transcorre a comarcal AC-552, ou Cances, coa AC-418 teñen unha maior sinistralidade. En canto a puntos considerados máis perigosos, como a estrada de Santiago CP-1914, téñense rexistrado dez colisións no entorno da ponte de Entrecruces, punto que nestes momentos está experimentando traballos de mellora da seguridade viaria. En todo caso, Souto Facal aclara que "a ampla maioría dos accidentes son sen feridos". Ademais, Benedito Viña subliña que se teñen realizado accións como a mellora de beirarrúas, reordenacións da circulación ou a implantación de pasos de peóns elevados, e que seguirá actuándose nese sentido no futuro para redundar na seguridade.

Colaboración cos comerciantes e empresarios

O informe tamén recolle o traballo de colaboración que realizan tanto a Policía Local como a Garda Civil, que manteñen reunións semanais de coordinación, así como as forzas de seguridades con outros colectivos, como é o caso dos comerciantes e empresarios. Benedito Viña informou de que se teñen repartido fichas estatísticas entre os membros do Centro Comercial Aberto (CCA), Axober e empresarios do polígono industrial para recoller datos, como que entre 2009 e 2010 teñen rexistrado 8 furtos, 6 danos e 2 roubos con forza. Ademais, estanse atendendo as súas propostas, como a colocación de cámaras de seguridade ou a limpeza do entorno do polígono para facilitar a vixilancia. A Policía Local solicita, ademais, a colaboración da veciñanza para denunciar e incluso facilitar datos que permitan coller aos culpables de certos roubos e delictos menores que si poden ter experimentado un lixeiro aumento, especialmente no roubo de tapas de sumidoiros ou cables. Outro capítulo que reflicte o informe é o do vandalismo e o absentismo escolar. No primeiro caso, Vázquez explica que a incidencia "é baixa", con episodios illados de queima de colectores pola noite, e que Carballo rexistra poucos problemas de "botellón". No caso do absentismo escolar, en 2010 recolléronse 18 casos. Por último, o Sarxento da Policía Local explica que "na movida non houbo incidentes de importancia durante o ano" e engade que "a Policía Local reforza a vixilancia neses momentos como prevención". O Alcalde rematou felicitando ás forzas de seguridade polo seu labor, aínda que "sabendo que quedan moitos aspectos nos que hai que seguir traballando".

Compartir: