Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello mellora varias pistas forestais con...

O ORZAMENTO DO PEIM ROLDA OS 90.000 EUROS

O Concello mellora varias pistas forestais con cargo ao Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural

Sábado 12 de febreiro do 2011

No caso das melloras que están en execución en Sofán nestes momentos, no camiño forestal de Guitoi á Contía, os traballos afectan a unha pista de máis dun quilómetro de lonxitude (1.050 metros) que conta cun ancho medio de 4,5 metros. As obras inclúen a limpeza do camiño e dos foxos, coa posterior escavación da zanxa e a colocación dun afirmado de zahorra artifical cun compactado de 12 centímetros. Así mesmo, para evitar accidentes, colocaranse dúas sinais de perigo e limitación de velocidade en ambas marxes, ademais dunha varanda de seguridade. No que se refire á pista das Fragas, na parroquia de Lema, a actuación afecta a unha pista dunha lonxitude de 755 metros e un ancho medio de 5. A mellora supón o desbroce e limpeza do camiño, retirando a vexetación, ademais da apertura das beiravías e a preparación da rasante mediante o perfilado do plano de fundación e o seu compactado, para a recepción do novo firme nas mellores condicións. Por último, realizarase o afirmado con zahorra artificial, estendida e compactada cun espesor de 10 centímetros. No caso dos camiños xa rematados, como o situado na parroquia de Artes, dende O Picoto a Ponte de Quintela, os traballos afectaron a unha pista dunha lonxitude de 395 metros e un ancho medio de 5. Os operarios eliminaron tocóns presentes na vía, desmontaron o terreo para anchear o camiño, perfilaron e refinaron os taludes laterais e repararon a rasante. Por último, realizaron a escavación de zanxas e a instalación de canos de formigón.

Así mesmo, as melloras supuxeron a retirada dun poste eléctrico coa axuda dun camión grúa, e a colocación do novo poste fóra da zona de rodadura da calzada, incluíndo a reubicación das liñas eléctricas no novo poste, deixando a instalación en funcionamento. A pavimentación incluíu a construción dun pedraplén, o baleirado do terreo e o recheo de material procedente de voadura de canteira, así como a construcción dunha base de 10 centímetros de espesor con zahorra, cun afirmado posterior con zahorra artificial. A última das obras incluídas no PEIM 2009/2010, que afecta ao camiño do Aseñado a Fonte do Cobo, na parroquia de Berdillo, afectou a unha pista de 235 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros. Os traballos incluíron o desbroce e limpeza do camiño, retirando a capa vexetal na área de ocupación, ademais do arranque dos tocóns cun diámetro maior de 25 centímetros. Para anchear o camiño procedeuse ao desmonte do terreo, así como á escavación mecánica e o perfilado e refino dos taludes laterais do camiño. En canto ás obras de fábrica, realizouse a instalación dun paso para salvar a beiravía mediante un cano de formigón de 40 centímetros, e a pavimentación realizouse con zahorra artificial cun espesor de 15 centímetros. Así mesmo, instalouse un sinal de "Stop" en forma circular nesta zona, como prevención para a seguridade viaria. En canto ao orzamento dos catros proxectos, de 89.552,39 euros, calculouse, segundo consta no convenio, tendo en conta os elementos dos xornais, materiais, medios de transporte e auxiliares vixentes na actualidade para este tipo de obras.

Compartir: