Inicio Carballo ao día Hemeroteca O grupo carballés Franc3s presenta o seu...

TEATRO INFANTIL NO CICLO EN FAMILIA O DOMINGO 20

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

Xoves 17 de febreiro do 2011

María, Patricia e Alberto, compoñentes de Franc3s, afirman que miran adiante "cun sorriso entre irónico e inocente, pero sobre todo ruidoso", e iso precisamente, ruido, é o que prometen para o seu concerto carballés, cun disco, "Aislamiento", que xorde despois do éxito acadado a nivel nacional coas súas anteriores maquetas e que saíu á venda o pasado 7 de febreiro. A súa música entra no paraugas do alternativo, o indie ou o pop, cun estilo no que xa teñen tocado en Madrid ou Barcelona, ademais de en numerosas vilas galegas. No concerto carballés o público poderá desfrutar do seu minimalismo e caos organizado, e de temas con letras xeroglíficas e orixinais, con cancións como "Me gustaría verte sangrar", "Golpes y resonancias de moluscos", "Absolutamente modernas", "Nosotras tenemos fe en el veneno" ou "Encima de miel". Entre os grupos dos que o grupo bebe, podemos mencionar Triángulo de amor bizarro, con quen teñen tocado en numerosos concertos dende a súa formación, hai uns tres anos, cando uniron os seus camiños na Universidade da Coruña. Ademais, despois de dar o mellor de si no escenario, ao remate estarán no Cosmic Pop Club pinchando música.

No que respecta á oferta de Elefante Elegante, incluída no ciclo En Famila dos domingos, a súa proposta conta a historia de Tristán, que pasa os días ladrando e o seu pequeno sorriso xamais se debuxa nos seus beizos. De tan triste que estaba decide vivir sen corazón e dállo a un paxaro que o leva moi lonxe de alí. Pero un día, dentro dunha misteriosa caixa, aparece unha boneca de trapo que o tentará todo para facer rir a Tristán. Será ela capaz? Como nos debuxos animados, as palabras transfórmanse en xestos nesta comedia visual e xestual. María Torres e Gonzalo Cerqueiro son os responsables da interpretación e dirección da proposta, ademais da súa creación. A pesares de que a compañía foi creada en 2007, o Elefante Elegante iniciouse como proxecto experimental no ano 2000 co nome de Teatro Escondido. Esta iniciativa viaxou durante sete anos por Galicia, Bélxica e Portugal, e del facían parte actores e actrices de diferentes países europeos. A súa interpretación baseábase no xogo corporal co obxectivo de construír unha linguaxe teatral universal. Eses anos experimentais foron fndamentais para facer de Elefante Elegante o que é hoxe en día, con actuacións en Galicia, Portugal, Bélxica, Suiza, Francia e Italia.

Compartir: