Inicio Carballo ao día Hemeroteca A web do Fórum Carballo nace como unha...

ACTUARÁ COMO CAMPUS ONLINE E PUNTO DE ENCONTRO FORMATIVO

A web do Fórum Carballo nace como unha versión virtual do proxecto para a dinamización e participación cidadá

Xoves 17 de febreiro do 2011

A web do Fórum Carballo convértese nunha das cinco plataformas en Internet coas que conta o Concello, ademais das páxinas dedicadas a Atención Cidadá, Vive! Carballo, Inviste en Carballo, a administración electrónica de Carballo PortaAberta e o Xeoportal, dispoñibles en www.carballo.org. En canto a súa estrutura, a páxina conta con cinco piares fundamentais. O primeiro deles é o dedicado á Teleformación, que se converte nun campus virtual do Concello, con cursos titorizados a través de Internet e con foros de participación. Contén, así mesmo, cursos que se poden desenvolver exclusivamente online, sobre temas como a alfabetización dixital, o comercio electrónico ou a regulación sobre a protección de datos. O obxectivo é crear unha plataforma de teleformación similar á dunha universidade online. Outro dos piares é o Fórum 2.0, "onde máis se cumpren os obxectivos do proxecto, avanzando na administración electrónica, pero tamén na e-participación da cidadanía", en verbas de García Guillín. Neste espazo, unha relación de expertos do Fórum Carballo, pero tamén expertos de asociacións e organismos que queiran participar -como Axober, a Cámara de Comercio, etc- tanto dende Galicia como de España ou incluso o estranxeiro, poden falar e interactuar cos cidadáns e responder dúbidas, aclarar cuestións ou ofrecer información para a cidadanía en xeral ou para os participantes nos cursos. Ademais, as preguntas e as respostas serán visibles para os usuarios/as da web.

O terceiro piar no que se apoia a web é o servizo ás empresas, que promove actividades dedicadas á promoción e formación empresarial, coa posibilidade de realizar investigacións de mercado, promover o asociacionismo, ofrecer información sobre subvencións ou facilitar o acceso a formación específica. Ademais, o proxecto Fórum inclúe a realización de estudos entre o empresariado que se traducirán no futuro en liñas de acción concretas para empresas. O cuarto elemento máis importante da web é unha sección na que se recolle toda a información do proxecto Fórum Carballo, incluído os seus comezos, o investimento realizado, os obxectivos ou incluso unha visita virtual polas instalacións. O quinto piar sería unha sección de actualidade, fundamentada na Fórum TV, con vídeos sobre actividades, presentacións e actos que se desenvolvan arredor do Fórum, pero tamén cun apartado de novas, unha axenda e unha galería de imaxes. Outras seccións inclúen o desenvolvemento de enquisas, un FAQ, un buscador de cursos, un espazo para reservar as instalacións do Fórum ou un apartado de subscrición no que os veciños e veciñas poden escoller recibir un boletín informativo coas novas máis relevantes do proxecto. Toda esta información estará a disposición dos veciños e veciñas a partires do venres 18 de febreiro en que a web xa será accesible dende a Internet.

O Fórum Carballo

A nova plataforma web do Fórum Carballo é unha fase máis no desenvolvemento deste proxecto que pretende a busca de solucións reais para a mellora competitiva, o fomento do emprego e o desenvolvemento sostible no marco do tecido produtivo da bisbarra de Bergantiños. Grazas ao apoio da Unión Europea a través dos fondos FEDER, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2007-2013, no plan considéranse medidas de carácter ambiental e urbanístico, así como políticas de igualdade de oportunidades e implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O investimento total da iniciativa supera os 4,6 millóns de euros, dos cales 3.260.729, 63 euros proveñen dos fondos FEDER e a cantidade restante, próxima aos 1,4 millóns de euros, é achegada polo Concello de Carballo. Durante a súa creación, o Fórum Carballo pasou por unha fase de deseño e dotación de contidos; outra de construción e urbanización do edificio e recinto da Casa dos Oficios no barrio da Milagrosa; outra de dinamización da vida económica e social coa creación de obradoiros e servizos a empresas, unha etapa aínda en marcha; e a dinamización e participación cidadá, a través de ferramentas como a nova web do Fórum. O proxecto "foi o primeiro fondo europeo que o Concello de Carballo xestionou de forma directa", segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, e é unha aposta decidida da administración local pola formación porque "nunha é moito" o que se destina a este obxectivo.

Compartir: