Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Padroado Deportivo Municipal presenta os...

O NIVEL DE AUTOFINANCIAMENTO PREVISTO É DO 55 POR CENTO

O Padroado Deportivo Municipal presenta os orzamentos máis altos da historia, superando o millón de euros

Mércores 16 de febreiro do 2011

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña o notable descenso nos últimos anos da achega do Concello aos orzamentos do Padroado, que ademais puido pechar 2010 con superávit. En 2008 a achega municipal era de 540.000 euros, pasándose a 520.000 en 2009, a 490.000 en 2010 e, finalmente, a 450.000 neste exercicio. Para Ferrero, estas cifras indican que "desde a xestión pública tamén pode haber ratios de eficacia e eficiencia", cuns resultados máis positivos cada ano "a pesares de que hai máis persoal e máis actividades". Máis aló das cifras, o Xerente do Padroado, Francisco García Bello, realiza un balance positivo das actividades incluídas na memoria de 2010 e subliña que un dos obxectivos para este ano é organizar alomenos dúas citas deportivas de certa relevancia, como pode ser recuperar unha importante proba de atletismo para Carballo -cun percorrido de 10 quilómetros polo casco urbano-, ou acoller algunha proba estatal ou finais dalgunha disciplina. Así mesmo, o Padroado espera poder implantar en 2011 o sistema de xestión de calidade ISO 9001:2008 co obxectivo de redundar tamén na calidade da xestión e dos servizos ofertados. A memoria inclúe o balance de persoal, no que se ten incrementado especialmente a plantilla de monitores e socorristas de natación.

O Padroado desenvolve, así mesmo, un programa de actividades acuáticas, coa inclusión o ano pasado de natación para embarazadas, para bebés ou aquagym; un programa de actividade física para adultos; un programa de deporte na escola no que participan máis de 800 rapaces e rapazas e que tivo a recente inclusión da Asociación A Braña do CEIP Canosa-Rus; e tamén colabora co programa de escolas de verán de distintas asociacións deportivas e cos cursos da Federación de Salvamento. Tamén desenvolve torneos e campionatos deportivos dos clubs, eventos e probas deportivas, destacándose a grande actividade do Circuíto de Motor de Bértoa en 2010; e un programa de xestión das instalacións deportivas, ademais de contar cunha liña propia de subvencións. En todo caso, Francisco García Bello subliña "os elevados datos de participación nas actividades" reflectidos na memoria de 2010. O Alcalde rematou felicitando ao persoal do Padroado Deportivo e manifestou o compromiso de que se siga a traballar en 2011, ampliando os servizos e o número de abonados, que a luns 14 de febreiro eran xa 3.894. Tamén subliñou a "tendencia favorable" das contas do Padroado Deportivo Municipal nun balance "que moitas empresas quixeran para si".

Compartir: