Inicio Carballo ao día Hemeroteca Talía Teatro estrea "Pelos na...

EN CARBALLO: VENRES 25 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Talía Teatro estrea "Pelos na lingua", un espectáculo "para divertir" que fala dos usos e abusos da lingua galega

Venres 18 de febreiro do 2011

Segundo a propia compañía explica, "Pelos na lingua" vai destinada a todo o mundo: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non falan porque non saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non o galego, aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, aos que pensan que debería ser o inglés o idioma que falase todo o mundo, aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán, aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros..., a todos e todas. Avelino González aclara entre risos, que podían ter abordado outros temas, como a "xestion municipal ou a crise", pero que quixeron facer "unha comedia sobre a lingua". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo mencionar a importante relación da vila con Talía Teatro e tamén expresou que "queremos que o Pazo da Cultura sexa de Talía", abrindo o espazo para novas estreas e funcións, e desexou que este espectáculo sexa "un novo chanzo na súa exitosa carreira". Por último, tamén desexou que "a lingua propia que nos identifica" sirva para crear unha proposta "que teña resposta no público", e "facendo comedia, mellor".

A Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, agradeceu a Talía Teatro que escollera Carballo para a estrea do seu novo espectáculo "un reforzo do compromiso de Carballo co teatro". A compañía conta con máis de 20 anos de traxectoria e ten desenvolvido 29 espectáculos. Compatibilizará "Pelos na lingua" con outras seis montaxes que manteñen en cartel, como son a súa predecesora, "Bicos con lingua"; as infantís: "Valentino Ruffini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)", "Mundos contados" e "Carta urxente para Máximo Toxo"; "Volpone", que visitou a vila na pasada edición no Festival Internacional Outono de Teatro con grande éxito de crítica e público; e "Palabras encadeadas", unha proposta que estivo nominada a tres galardóns na edición de 2010 dos Premios María Casares e que finalmente acadou o de mellor dirección, para Artur Trilllo, e o de mellor actor para Toño Casais. Ademais, o vencello da compañía con Carballo refórzase porque Artur Trillo é o director da Aula Municipal de Teatro que o ano pasado estreou "A Ruleta Rusa". Para poder asistir á estrea de "Pelos na lingua", os interesados e interesadas xa poden reservar as entradas no Pazo da Cultura, chamando ao 981 704 300. O prezo ordinario da entrada é de 2,5 euros, de 2 euros con desconto, e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

Compartir: