Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cinco carballeses maiores de 55 anos participan...

FORON GAÑADORES DO CONCURSO "MAIORES CON INICIATIVA"

Cinco carballeses maiores de 55 anos participan no pograma "A Solaina" da TVG pola súa relación coas novas tecnoloxías

Luns 21 de febreiro do 2011

'Bergantiños: pasado e presente' recolle historias como a de Plácido Moreira, que conta os cambios que ten experimentado Carballo dende 1957, cando emigrou a Venezuela; ou a de Sabino Ferreiro, que lembra a guerra; ou a da ama de casa Carmen Vázquez. O certame "Maiores cON iniciativa" tivo como obxectivo recoñecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a predisposición dos maiores que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás Novas Tecnoloxías. Os galardoados recibiron un agasallo conmemorativo de mans da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nun acto celebrado en Santiago de Compostela (na imaxe). Hai que subliñar que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa nesta segunda convocatoria do certame, que ten repercusión a nivel nacional: das 88 candidaturas presentadas, 16 foron galegas. En total, máis de 260 maiores galegos adquiriron novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións. Hai que lembrar que, hai un ano, xunto con Carballo, resultaron gañadores na convocatoria galega, co segundo e terceiro premio, os concellos de Ribadeo e Allariz. No primeiro caso resultou recoñecido o traballo 'Memoria de Muller'; e no caso de Allariz distinguiuse o proxecto 'As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina'.

No que respecta ao programa "A Solaina", trátase dun magazine diario da TVG que propón un programa dinámico, onde a voz e a participación da audiencia teñen un peso específico. Unha alternativa con espírito reporteiro e selo galego, diferenciada con respecto ao que se está a ofrecer polas tardes nas canles xeralistas. A TVG define este programa como un espazo próximo, participativo, onde se teima sobre todo nos temas dos que fala a xente na rúa, no salón da súa casa. Trátase dun programa cen por cen galego que se alimenta da normalidade e da vida cotiá dos espectadores. Carlos F. Amado conduce o programa. A xornalista Patricia Vilar introduce os faladoiros sobre temas de actualidade. A reporteira Loli Gómez encárgase de seguir de preto, en directo, algunha información interesante da xornada. Unha terceira xornalista, Raquel Fernández, serve de altofalante das curiosidades que agocha a programación da Televisión de Galicia. A presentadora de "Luar", Laura Casares, ten tamén unha sección en "A Solaina". O programa inclúe reportaxes a pé de rúa, participación de artistas ou colaboradores esporádictos, así como novos talentos, e o concurso telefónico "As catro verdades". Para desenvolver o novo espazo, a TVG habilitou un estudio de gravación de 150 metros cadrados nas súas instalacións de San Marcos (Santiago), cun decorado innovador concibido pola coñecida deseñadora galega Marta Villar, que fora candidata como directora de arte para os premios Mestre Mateo.

Compartir: