Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello presenta ante a Dirección Xeral...

XUNTANZA EN SANTIAGO CON MANUEL BOROBIO

O Concello presenta ante a Dirección Xeral de Sostibilidade as propostas de ordenación do litoral para o PXOM

Martes 22 de febreiro do 2011

José Antonio Viña informa de que deberá estudarse con profundidade a mellor maneira de elaborar a proposta de ordenación para o litoral, aínda que considera que será posible manter parte do que se ten traballado até o de agora "usando determinados elementos do Plan de Ordenación do Litoral, como áreas de recualificación e os núcleos". O Plan de Ordenación do Litoral é un documento que pretende a constitución dun marco normativo estable que protexa de forma efectiva o litoral de Galicia e que aspira a converterse nunha ferramenta de xestión dinámica do territorio. O obxectivo dos redatores do PXOM carballés é realizar unha proposta para a zona costeira do municipio que respecte as súas directrices e tamén os ámbitos de protección medio ambiental e de sostibilidade. A xuntanza supuxo un intercambio que serve para seguir traballando na revisión do PXOM, que segue o seu curso. Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para revisar o Plan Xeral de Ordenación Municipal existente, aprobado en 2003 e que foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2007 que está agora recorrida. No que respecta á marcha do proceso, a Oficina Técnica municipal segue ultimando detalles e avanzando nas modificacións do documento de referencia, un equivalente ao anteproxecto do planeamento.

Respecto dos trámites que restan para a aprobación do novo PXOM carballés, nestes momentos estase traballando na elaboración da versión definitiva do documento para envialo ao departamento correspondente da Xunta para o seu estudo. A partires dese momento, dende a Consellería de Medio Ambiente e Territorio terán un prazo de dous meses para emitir un informe previo. Este documento volve logo á Oficina Técnica de Carballo, onde o equipo redactor recollerá as modificacións que indique este informe previo e o levará ao pleno para a súa aprobación inicial. Será nese momento cando todos os veciños e veciñas terán acceso ao documento definitivo para examinalo e proceder á formulación de alegacións -se así o consideran- durante un período de exposición pública de dous meses. Logo da resolución de alegacións o pleno procede a debater a aprobación definitiva do PXOM, e o Concello o remite de novo á Xunta para a súa ratificación final. Trátase dun proceso longo que o Goberno local espera axilizar na medida do posible, pero sempre ofrecendo as garantías legais e normativas oportunas e traballando, cando sexa oportuno, en colaboración coa administración autonómica, responsable de aprobar o documento en última instancia.

Compartir: