Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo promove a reflexión sobre a...

ABERTO O PRAZO ATÉ O 8 DE ABRIL

Carballo promove a reflexión sobre a situación do galego co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Luns 28 de febreiro do 2011

Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia. Nas seis edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro ou Marica Campo. Os artigos que se presenten serán inéditos, deberán estar escritos en galego e deberán contar cos trazos máis significativos do estilo xornalístico: carácter divulgativo e/ou de opinión, estilo breve e directo, linguaxe xornalística, etc. Os traballos presentaranse nun sobre grande pechado, deberán estar asinados cun pseudónimo e neles non poderá figurar o nome nin nigunha outra referencia ao autor/a. Deberán presentarse por cuadriplicado no Rexistro de Cultura situado no Pazo da Cultura.

Ao xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario/a, corresponderalle avaliar e deliberar sobre os traballos presentados e poderá declarar deserto o premio, así como conceder algún accésit -sen dotación económica- que só se fará público co permiso previo da autora ou autor. A decisión do xurado farase pública no prazo máximo de 25 días despois do remate do prazo de entrega de artigos. A entrega do premio terá lugar na Festa da Lingua que se desenvolverá o sábado 7 de maio no Pazo da Cultura de Carballo, e será a partires desa data cando o traballo se publique nos medio colaboradores. Oartigo premiado quedará en propiedade do Concello de Carballo, que terá todos os dereitos sobre el. Os interesados e interesadas en consultar as bases completas do premio poden facelonesta mesma nova, onde están rexistradas en pdf. Tamén se pode obter máis información no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico <normalizador@carballo.org>.

Compartir: