Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un estudo económico determinará o...

PROPOSTA ORZAMENTARIA PARA 2011: UNHAS CONTAS DE 20,5 MILLÓNS

Un estudo económico determinará o importe da taxa pola prestación de servizos no mercado municipal

Martes 1 de marzo do 2011

A sesión tamén serviu para designar por unanimidade os membros da Mesa Local de Comercio de Carballo, que actuará como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración Local e os axentes representativos do sector comercial. Estará constituída polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que asumirá a presidencia; e como vogais, estarán o Concelleiro de Xestión Municipal, Benedito Viña Costa; a persoa que ocupe a presidencia do Centro Comercial Aberto Carballo; a persoa que ocupe a presidencia da Asociación Provincial de Consumidores e Usuarios da Coruña; unha persoa representante da Comunidade Autónoma designada pola Consellería de Economía e Industria; e un representante da oposición, que será a Concelleira do PP, María Esperanza Pan Collazo. No apartado de urbanismo, o pleno aprobou a delimitación dun pequeno polígono de solo urbano non consolidado en Arnados-Razo, realizando as cesións correspondentes, para poder emprender a urbanización da zona. No que respecta a contratacións, o pleno sacou adiante a adhesión do Concello a un epígrafe do sistema de contratación centralizada estatal da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado. Trátase dunha xestión para conseguir bos prezos e axilizar o proceso de adquisición do equipamento e o mobiliario do proxecto Fórum Carballo.

Proposta dos orzamentos para 2011

Grande parte da sesión centrouse, así mesmo, en asuntos económicos, xa que o Goberno presentou, a petición do PP, a súa proposta orzamentaria para o exercicio 2011. Así, o estado numérico das contas previsto para este ano ascende a 20.592.115,49 euros. No que respecta ao procedemento, agora Intervención deberá completar o expediente engadindo os informes e a documentación pertinente, mentres que o axuste económico xa está feito. Hai que mencionar tamén a aprobación da conta de recadación do exercicio 2010. O Goberno subliña a elevadísima porcentaxe de cobros efectuados no período voluntario, que, nalgúns casos, como os bens inmobles urbanos, chega ao 95 por cento. En todo caso, o total da recadación é de 7.633.250,36 euros. O pleno tamén incluíu a aprobación dun Plan rectificativo para o Plan Económico Financeiro, polo que se reduce o superávit non financeiro dos orzamentos, previsto para acadar o equilibrio económico, pasándose dos 701.000 euros previstos para 2011 a 564.000 euros.

Na sesión tamén se inclúe a liquidación do orzamento de 2010 do Concello cun importe positivo de 2.199.465 euros; do Padroado Deportivo Municipal, con 56.371,94 euros; e o Informe de Intervención e Tesourería de loita contra a morosidade do cuarto trimestre de 2010, no que se recolle que hai facturas impagadas de máis de 55 días de antigüidade por 149.000 euros. Por último, e a raíz dunha petición de TEGA, o pleno acordou por unanimidade instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, titular dese treito da vía comarcal, a que se habilite un paso de peóns en Mirón, Bértoa, para favorecer a seguridade viaria.

Compartir: