Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da...

REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS EN PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Concurso e desfile de disfraces, o Enterro da Sardiña, obradoiros, bailes e charangas, protagonistas do Antroido 2011

Mércores 23 de febreiro do 2011

O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que o Antroido "é unha festa para vivir na rúa", polo que desexa que "o tempo acompañe" e "un Antroido feliz cheo de fartura". En canto á principal cita do Antroido, o domingo 6 ás 18.00 horas celébrase o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas, no que o ano pasado partiparon arredor de 500 persoas disfrazadas. Nesta edición a presentadora vai ser Patricia Vázquez, humorista recoñecida e tamén popular polo seu papel na serie Padre Casares. Conta con máis dunha década de experiencia no mundo do teatro profesional e tamén desenvolve unha importante carreira de contacontos. Ela será a encargada de conducir aos participantes pola Praza do Concello. Para a inscrición, os interesados e interesadas poden facelo ata o día 4 de marzo para as modalidades de comparsas e carrozas, e ata o día 6 de marzo ás 17.00 horas. nas modalidades de grupos, parellas e individual tanto en categoría adulto como infantil. Para anotarse ou obter máis información, os veciños e veciñas poden poñerse en contacto no teléfono 981 704 300 ou enviar por fax a solicitude de inscrición ao número 981 704 302 de 10.00 a 14.00 horas.

Enterro da Sardiña e baile da terceira idade

A outra cita xa tradicional do Antroido carballés é o Enterro da Sardiña. O martes 8 ás 21.30 horas é o momento de sepultar a Don Carnal, este ano, como novidade, da man do grupo de teatro afeccionado da Unión Democrática de Pensionistas de Sofán e coa colaboración de Cruz Vermella. Para participar como comitiva fúnebre da sardiña e optar a unha das 10 subvencións de 40 euros que concede o Concello, é preciso anotarse desde o 10 de febreiro ao 4 de marzo na Concellería de Cultura, ou o 8 de marzo (día do Enterro da Sardiña) antes do inicio da actividade de 20.00 a 21.00 horas na Casa do Concello. O percorrido realizarase dende a Praza do Concello, polas rúas Coruña e Hórreo, Praza de Galicia, Rúa Fomento e Parque do Anllóns, lugar onde se celebrará o enterro. Así mesmo, este ano tamén hai especial lugar para os maiores, xa que a Concellaría de 3ª Idade que dirixe Carmen Regueira patrocina o Baile de Disfraces que ten lugar o domingo 6 tralo desfile de Antroido, e no que estará a Orquestra "Trebol". Ademais, o martes 8 celébrase a Festa e Baile de Disfraces para maiores coa actuación en vivo do Dúo Época: no Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas.

Por último, a II Ruta do Pincho de Inverno, na que participan sete locais hostaleiros do centro carballés, ofrecerá os días 5 e 6 de marzo tapas relacionadas co Antroido no horario habitual de xantar e cea. Os interesados/as tamén poden consultar o programa de Antroido ao completo, así como as bases do Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas e do Enterro da Sardiña, nesta mesma nova.

Compartir: