Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un centenar de veciños e veciñas e...

AS PARROQUIAS XA CONTAN CUNHA REDE DE SEIS LOCAIS SOCIAIS

Un centenar de veciños e veciñas e membros da corporación arroupan a reapertura do renovado Centro Social da Brea

Venres 25 de febreiro do 2011

Durante a súa intervención durante o acto, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero fixo fincapé no lugar da Brea, "punto onde simbolizamos o molete nas nosas mesas", ante o centenar de veciños e veciñas que encheron o local para a súa estrea oficial. Lembrou que o Goberno foi sensible á demanda veciñal de renovar un edificio que precisaba da reforma e subliñou os "excelentes resultados" que están tendo os diferentes centros sociais creados ata o momento, dinamizando cada unha das parroquias onde están situados coa colaboración dos veciños e veciñas e das entidades comprometidas coa súa xestión. Por ese motivo, pediu tamén "a colaboración de todos e todas na mellor xestión para aproveitar este espazo, e realizar un uso responsable e compartido", e lembrou que o centro "ofrecerá as actividades por vós programadas". O Alcalde, quixo resaltar, así mesmo, que "os contornos urbanos medran, pero só o equilibrio entre o centro urbano e a totalidade do territorio dá dinamismo". Por último, Ferrero ofreceu a colaboración do Concello na xestión para que "o novo espazo sirva para contribuír ao bo nome da Brea e de Carballo" e que entre todos, poidan "facer da Brea un bo lugar para vivir".

Ademais dos arredor de cen veciños que encheron o novo local, a cita contou con numerosos membros da corporación municipal, coa presenza, ademais do Alcalde, do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; da Concellleira de Cultura, Belén Lendoiro; ou da Concelleira de Formación, María Manso. Así mesmo, o acto estivo acompañado pola música da Banda de Gaitas Bergantiños de Bértoa e do Grupo cantareiras Xoldreira de AC Nemeth, que animaron a festa que rematou cuns pinchos no primeiro andar do local. O acondicionamento do Centro Social da Brea é o segundo investimento que se realiza a cabo no lugar con cargo a fondos estatais, xa que anteriormente se tiña mellorado a travesía, por un importe de 243.800 euros. Así mesmo, o Concello tamén habilitou un parque infantil. No que respecta á rede de seis centros sociais rehabilitados (Imende, Berdillo e A Brea) ou de nova planta (Sofán, Oza e Cances) postos en marcha polo Goberno local nos últimos tres anos, hai que subliñar que o investimento supera amplamente o millón de euros.

Compartir: