Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pecha o ano 2010 cunha...

A CONTA DE RECADACIÓN DE 2010 É DE 7,6 MILLÓNS DE EUROS

O Concello pecha o ano 2010 cunha tesourería de máis de cinco millóns de euros e un remanente de 2,7 millóns

Venres 25 de febreiro do 2011

A sesión tamén dá conta da liquidación do Padroado Deportivo Municipal de 2010, cun resultado orzamentario de 56.371,94 euros e un remanente de tesourería positivo de 106.034,62 euros. O pleno inclúe, así mesmo, o informe de Intervención e Tesourería de loita contra a morosidade do cuarto trimestre de 2010, no que se recolle que nestes momentos hai facturas impagadas de máis de 55 días de antigüidade por 149.000 euros. Nunha sesión que estará marcada polos asuntos económicos, outro dos puntos da orde do día é a aprobación da conta de recadación do exercicio 2010. O Goberno subliña a elevadísima porcentaxe de cobros efectuados no período voluntario, que, nalgúns casos, como os bens inmobles urbanos, chega ao 95 por cento. En todo caso, o total da recadación é de 7.633.250,36 euros. Por último, o apartado económico inclúe a aprobación dun Plan rectificativo para o Plan Económico Financeiro. O Concello tiña solicitado en 2009 un crédito para afrontar o financiamento de varios proxectos no municipio. A redución do crédito de 2,5 millóns de euros a 1,8 -a causa, entre outros factores, das baixas substanciais nas adxudicacións- provoca que se poida rectificar e reducir o superávit non financeiro dos orzamentos previsto para acadar o equilibrio económico, polo que se pasa dos 701.000 euros estipulados para 2011 a 564.000 euros.

Ordenanza do mercado e mesa de comercio

No que respecta a ordenanzas, o pleno rexistra a admisión da alegación á Ordenanza fiscal nº 11 pola prestación de servizos no mercado municipal de abastos. No pleno de novembro acordarase que os concesionarios que incrementasen as súas dimensións ou mellorasen a categoría experimentarían unha suba do canon, actualizando todos tamén os pagos ao IPC. Porén, coa admisión das alegacións realizarase un estudo que determinará a suba que deberá aplicarse para cubrir os gastos xerados polo mercado. Xa no apartado de contratacións, o pleno aborda a adhesión do Concello a un epígrafe do sistema de contratación centralizada estatal da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, do Ministerio de Economía e Facenda. Trátase dunha xestión para conseguir bos prezos e axilizar o proceso de adquisición do equipamento e o mobiliario do proxecto Fórum Carballo. En todo caso, o Concello pode aumentar ou reducir os epígrafes desta adhesión en calquera momento.

En urbanismo, abórdase a delimitación dun pequeno polígono de solo urbano non consolidado en Arnados-Razo, realizando as cesións correspondentes, para poder emprender a urbanización da zona. Así mesmo, o pleno aborda a constitución da Mesa local de Comercio, que contará cun representante dos comerciantes, un da Asociación Provincial de Consumidores e Usuarios e una persoa designada pola Consellería de Industria; e por parte do Concello, formará parte o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; o de Réxime Interior, Benedito Viña; e un representante dos grupos da oposición. No apartado de mocións, TEGA solicita á colocación dun paso de peóns en Mirón, Bértoa, unha solicitude que se transmitirá á Consellería de Política Territorial, titular da vía.

Compartir: