Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicada a concesión para instalar no...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicada a concesión para instalar no municipio tres puntos dixitais de información pública

Luns 28 de febreiro do 2011

Segundo consta no expediente, as características concretas de cada punto informativo son as seguintes. O punto de información para a Praza do Concello (situado preto de onde se acaba de instalar un Minipuntolimpo) será un Mupi (Mobiliario Urbano con Punto de Información) cilíndrico de aceiro inoxidable con dous tipos de pantalla, unha táctil para acceder á información por parte do usuario; e outra panorámica para comunicación audiovisual. O punto do Museo de Bergantiños consistirá nunha pantalla táctil situada detrás da vitrina da maqueta interactiva da Costa da Morte (na imaxe) a través da cal se poderá acceder á información. O espazo informativo do CPEC será similar ao da Praza do Concello, con dúas pantallas, unha panorámica e unha táctil. A información da pantalla táctil será accesible desde o exterior do edificio do CPEC a través dunha das súas cristaleiras, que será adaptada como pantalla táctil para tal fin. A concesión do contrato recaerá sobre o espazo necesario nos bens de dominio público de titularidade do Concello, debendo incluír as ofertas que opten á concesión información detallada sobre a colocación exacta dos puntos, que deberán estar instalados en perfecto funcionamento no prazo máximo de cinco meses a contar dende a sinatura do contrato administrativo.

Sobre da mesa o expediente de contratación da Biblioteca

En materia de contratación outro dos asuntos da orde do día era a aprobación do contrato administrativo de obras de nova Biblioteca de Carballo, aínda que a Xunta de Goberno acordou deixar o asunto sobre da mesa para o seu posterior estudo. Porén, aprobouse a prórroga para o contrato administrativo do servizo de "Mantemento das aplicación informáticas de xestión municipal" á empresa TAO-Tecnics en Automatizació d'Oficines SA, ademais dunha modificación do contrato administrativo de servizo de "Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo". No apartado de subvencións, tamén quedou sobre da mesa a solicitude con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2011. Saíron adiante as bases para o VII Premio de Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo 2011 e as da Convocatoria de subvencións para Anpas 2011. Neste último caso, o obxectivo das axudas é a realización do programa de actividades educativas do ano 2011 e o importe das axudas establécese segundo o número de alumnos/as do centro educativo ao que pertence a Anpa: 300 € para os de menos de 50 alumnos/as; e 775 € para os de máis de 50 alumnos/as. Así mesmo, tamén saíron adiante as bases das subvencións para viaxes escolares 2011 e das subvencións para festas populares 2011. No primeiro caso, as contías son as seguintes: 120 € para centros de menos de 50 alumnos/as; 300 € para centros de entre 51 e 124 alumnos/as; 475 € para centros de entre 125 e 400 alumnos/as; 570 € para centros de entre 400 e 500 alumnos/as; e 660 € para centros de máis de 500 alumnos/as. No segundo caso, o gasto total estimado para as subvencións para festas populares 2011 é de 25.000 euros.

Por último, hai que mencionar o apartado de convenios, destacando a aprobación do acordo para desenvolver o programa "Vacacións en paz", que ten por obxecto ofrecerlles aos nenos/as nados dun clima de guerra unha posibilidade de coñecer distintas formas de vida, ademais de mellorar o entendemento entre os pobos de España e o Saharaui. Saíu adiante, así mesmo, un acordo do IES Isidro Parga Pondal para promocionar a aprendizaxe ao longo de toda a vida co proxecto Aula Mentor Carballo, que terá vixencia durante dous anos a partires do 1 de marzo e que oferta máis de 100 cursos de calidade de formación para adultos a través de Internet. Por último, aprobouse o pago derivado do convenio Radio ECCA 2011, que permite ofrecer clases de preparación para adultos para a obtención do Graduado en Secundaria no Pazo da Cultura de Carballo; ademais de aprobarse o convenio co CCA Carballo para o desenvolvemento da Feira das Oportunidades 2011. A sesión tamén supuxo fixar o prezo público para o espectáculo "0,7% Molotov" de Teatro de Ningures; aprobar o Programa de Antroido 2011; sete licenzas de obra; tres licenzas de obra e apertura; e cinco licenzas de primeira ocupación e apertura.

Compartir: