Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno xestionou fondos de todas as...

PRETO DE 11 MILLÓNS DE EUROS SÓ NA CREACIÓN DE NOVOS EDIFICIOS

O Goberno xestionou fondos de todas as administracións para actuar nos catro puntos cardinais do casco urbano nos últimos anos

Sábado 5 de marzo do 2011

Na relación de edificios e novos espazos, hai que subliñar a construción da Casa dos Oficios do proxecto Fórum; a reforma integral do mercado; o Centro de Promoción Económica do parque empresarial; o Centro de Día da Praza de Vigo; a reforma do antigo ambulatorio para albergar os Servizos Sociais; unha nova escola infantil; o proxecto da Biblioteca comarcal; a ampliación do parque de bombeiros; a reforma do centro social da Brea; o acondicionamento do Telecentro do Pazo da Cultura ou o acondicionamento dunha nave para a Brigada de Obras. No que respecta á xestión de fondos doutras administracións, por primeira vez xestionáronse achegas europeas a través dos fondos Feder, que permitiron rematar o centro de formación e emprego do Fórum Carballo. Realizouse un convenio co Ministerio de Vivenda para a reforma integral do mercado e co Ministerio e Cultura para a construción dunha Biblioteca Comarcal na zona de Rego da Balsa para a que xa hai fondos, ademais dunha achega do Ministerio de Fomento para a mellora da contorna do mercado municipal. Falouse coas consellerías de Medio Ambiente de Igualdade e Benestar para a travesía de Malpica e o centro de día da praza de Vigo, respectivamente. A Deputación permitiu a posta en marcha do proxecto da segunda escola infantil, o segundo campo das Eiroas ou a mellora da accesibilidade do CEIP Fogar. Coa Consellería de Presidencia negociouse para reformar o edificio do antigo ambulatorio e coa Consellería de Industria para a construcción do CPEC. En desenvolvemento deportivo, conseguíronse achegas da Dirección Xeral de Deportes para as melloras do polideportivo Bergantiños e a Piscina Vila de Noia. Negociouse con Augas de Galicia para mellorar os saneamentos e participouse nun proxecto con Turín e Tortona para a xuventude europea e levouse a cabo unha Escola Obradoiro para acondicionar a Casa dos Oficios e as prazas do Outeiro e Eduardo Pondal.

Humanización do entorno urbano

Segundo explica Viña, buscouse un modelo de actuación "social realista", con atención á cultura, educación, servizos sociais e deportes, pero sen deixar de lado "iniciativas de tipo económico, xerando investimento económico para xerar emprego". Precisamente en formación e emprego o Goberno subliña, non só o Proxecto Fórum, senón os proxectos para escolas obradoiro, cursos FIP e de xestión propia ou plans de fomento do emprego. Traballouse, así mesmo, nas melloras urbanas en rúas e beirarrúas, con máis de 30 actuacións, destacando a peonalización da rúa Desiderio Varela ou o acondicionamento das rúas San Xosé, Lagoa, Carpinteiros e Oleiros. Precisamente a urbanización de polígonos urbanos fixo posible a creación e apertura de novas vías. En total, urbanizáronse 6 polígonos urbanos, incluíndo o entorno da rúa Perú; 5 teñen aprobado o proxecto de urbanización; e 3 teñen moi avanzada a súa tramitación. Fixéronse prazas e parques infantís e acondicionouse o entorno do Anllóns coa limpeza do río e a creación dun paseo que hoxe xa é un lugar de encontro con moita afluencia de veciños e veciñas. En instalacións deportivas "deuse un salto espectacular", en verbas do Alcalde, coa recuperación de espazos, como o Circuíto de Motor, ou con reformas en edificios ou a mellora da xestión. Creáronse aparcadoiros e houbo medidas para a mellora da seguridade viaria, como a creación de pasos elevados ou da glorieta do Campo da Feira.

En saneamentos o cambio foi espectacular no rural, pero no casco urbano, ademais do estudo director de abastecemento de auga, tamén se crearon novas redes e colectores. Colaborouse para mellorar os centros de ensino, non só coa construción da nova escola infantil, senón tamén coa creación e mellora das pistas polideportivas ou a mellora das instalacións eléctricas. Precisamente no apartado enerxético xa se ten avanzado coa instalación de paneis solares nas piscinas, coa potenciación do uso da bici ou a mellora do alumeado e dos semáforos con sistemas de aforro. Acondicionáronse pistas, mellorouse o parque móbil municipal, melloráronse os servizos sociais, actualizouse o Inventario Municipal e creáronse actividades e marcas propias como Carballo Deporte, Carballo Saudable, Carballo Porta Aberta, os Feiróns de Tempada ou a inclusión do Concello no Eixo Atlántico. Foron todas actuacións, defende o Goberno, para facer de Carballo "un bo lugar para vivir", e poñen a súa xestión a disposición dos veciños e veciñas "porque teñen dereito a opinar".

Compartir: