Inicio Carballo ao día Hemeroteca O mar da Costa da Morte e o urbanismo de Madrid...

"O.V.+G.V.": ATÉ O 3 DE ABRIL NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

O mar da Costa da Morte e o urbanismo de Madrid van da man na exposición do artista carballés Manuel Pazos

Venres 4 de marzo do 2011

Durante a inauguración, Manuel Pazos quixo agradecer o apoio de familiares e amigos, así como a colaboración da Concellaría de Cultura na posta en marcha da exposición, e describiu a súa escolma como "un contraste entre o 'rollo' urbanita con algo totalmente enxebre". Con vontade de autocrítica, tamén expresou o seu desexo de que a mostra guste pero "espero que se me tendes que poñer a parir, tamén o fagades". Respecto da súa traxectoria, Henrique Mariño resume as orixes de Pazos como un artista "cun pé sumido na terra e un ollo perdido na vangarda", que "amosou dende ben cedo maneiras renacentistas e dotes para as belas artes". Pazos conta con moitos referentes, como o poeta Lois Pereiro ou o pintor Pedro Cano, a quen lle debe o seu interese pola acuarela, coa que leva anos traballando. Porén, nesta mostra Pazos emprega o acrílico e a técnica mixta, coa introdución de xeles e cargas coas que pretende darlle elasticidade, textura, cor e brillo ás imaxes da lonxa da súa adolescencia. En Madrid plasma o smug, o trafego, a fugacidade, o anonimato e os autómatas transeúntes dunha rúa que atravesa Madrid. Para Mariño, "Pazos resulta un artista clásico, aínda que xogue a situar a súa pintura no límite do figurativo".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar o "excelente inicio da apertura desta sorprendente exposición", non só polo xeito de plasmar a temática, senón tamén pola natureza da temática en si. "Para que exista a urbanidade tamén é importante que o pobo se meta nas raíces e as orixes, e está ben que non sexan só as da terra, senón tamén as do mar", subliña Ferrero, que felicitou ao artista expresando que "é unha delicia desfrutar de expresións artísticas de persoas que viviron e se criaron entre nós". O Alcalde manifestou, así mesmo, a importancia do Pazo da Cultura como "espazo común" posto a disposición dos artistas e rematou resaltando que "é gratificante poder ver cómo seguen emerxendo importantes valores artísticos de Carballo". A exposición de Manuel Pazos "O.V.+G.V." está no andar -1 do Pazo da Cultura, no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas, e pode visitarse até o domingo 3 de abril. Esta cita forma parte do ciclo de exposicións do programa dos Venres Culturais 2011.

Compartir: