Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Un cranio furado", primeira...

ENTREGA DE PREMIOS O 23 DE MARZO

"Un cranio furado", primeira coprodución do FIOT con PT Excéntricas, nominada a 10 Premios María Casares

Sábado 5 de marzo do 2011

"Un cranio furado" ou "A skull in Connemara", no seu título en inglés, abriu o pasado mes de outubro a XIX edición do FIOT con dúas funcións que encheron o auditorio do Pazo da Cultura. Naquel entón, o propio director do espectáculo, Quico Cadaval, contou o argumento desta nova proposta: "na terra dos camposantos, que é finita, hai que facer sitio". Así, en Irlanda, aos sete anos do seu enterramento os restos mortais das persoas son retirados, xeralmente a un osario, para facer espazo para novos corpos, "nunha relación coa morte que na nosa cultura era completamente normal". A acción comeza precisamente cando "ao protagonista da obra tócalle sacar os restos da súa muller e toda a aldea quere saber a natureza do burato dese cranio", xa que existen moitas dúbidas acerca do falecemento da súa dona. A partir de aí comezan as doses de humor negro acompañadas do enxeño dun autor "moi orixinal", segundo Cadaval, que conecta culturas como a do rock'n'roll e o cine coa cultura senlleira irlandesa, aínda que "é Connemara pero podía ser Bergantiños".

Así, os feitos acontecen nun país de chan acedo e alta pluviosidade. Nun pobo que é máis que unha aldea e menos que unha vila: Leenane, onde os cadáveres se corrompen rapidamente e as probas desaparecen. No camposanto da aldea, arredor dunha cova aberta, convócase toda a curiosidade e a malicia dos superviventes. Así, todo acontece nun cemiterio no que o horror adivínase na penumbra pero está compensado polo humor, sorprendente e feroz, que tamén era propio daqueles contos galegos que se contaban en outono á luz do lume. Este é un escenario moi axeitado para a creación desta comedia negra, chea do humor tan propio desta compañía ben coñecida en Carballo. O enterrador local, Mick, ten que trasladar os restos da súa esposa, morta anos atrás de accidente de tránsito. Mais hai moitos que pensan que non foi un accidente. Mary-Johny, di medias verdades, Tom Hanlon, o policía, propón hipóteses, Martin, di o que lle vén á boca... e o enterrador non se fia nin da súa sombra. "Non é unha comedia de terror, non é un policial inglés, non é unha serie de TV de forenses, non é unha Festa dos Difuntos, non é un esperpento... mais ten un pouco de todo."

Compartir: