Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Papa Benedito XVI e os mineiros de Chile,...

O ENTERRO DA SARDIÑA DESPIDE A DON CARNAL

O Papa Benedito XVI e os mineiros de Chile, protagonistas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

Luns 7 de marzo do 2011

En total, nunha cita presentada pola coñecida actriz e humorista Patricia Vázquez, que conduciu o desfile cos seus enxeñosos comentarios, polas rúas do centro carballés desfilaron 8 carrozas e 19 comparsas (entre adultos e infantil), ademais de 4 grupos de adultos e 8 de nenos, sen contar as categorías individuais, superándose lixeiramente a participación rexistrada o ano pasado con 556 persoas. O xurado o tivo difícil para tomar a súa decisión e desta volta estivo formado por: María Jesús García García, da Asociación de Mulleres Rurais de Sofán; María José Souto Cristobal, tamén da Asociación de Mulleres Rurais de Sofán; María Fuentes Cotelo, da Asociación Cultural Arume de Berdillo; María Esmorís Puñal, da Asociación Xuvenil Arume de Berdillo; Jesús Manuel Villar Antelo, da Asociacion de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (Afaber); Belén Lendoiro Esmorís, Concelleira de Cultura do Concello de Carballo; e María del Mar Eirís Villar, Concelleira de Educación do Concello de Carballo. Eles foron os encargados de repartir os premios ata chegar aos 6.000 euros, incluídas as subvencións, dun máximo de 150 euros para as comparsas e de 250 euros para as carrozas. O Martes de Antroido continúan as actividades en Carballo, neste caso coa Festa e baile de disfraces para a Terceira Idade co Dúo Época, no Pazo da Cultura a partires das 18.00 horas. Ademais da música en directo, haberá degustación duns pequenos pinchos ao remate. A charanga Os Chinchorros estará animando as rúas carballesas dende as 19.00 horas.

Despedida co Enterro da Sardiña

Ademais do Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, a outra cita xa tradicional do Antroido carballés é o Enterro da Sardiña. O martes 8 ás 21.30 horas é o momento de sepultar a Don Carnal, este ano, como novidade, da man do grupo de teatro afeccionado da Unión Democrática de Pensionistas de Sofán e coa colaboración de Cruz Vermella. Para participar como comitiva fúnebre da sardiña e optar a unha das 10 subvencións de 40 euros que concede o Concello, os interesados e interesadas aínda poden anotarse o mesmo día do Enterro da Sardiña, antes do inicio da actividade, de 20.00 a 21.00 horas na Casa do Concello. O percorrido realízase dende a Praza do Concello, polas rúas Coruña e Hórreo, Praza de Galicia, Rúa Fomento e Parque do Anllóns, lugar onde se celebrar o enterro. Respecto da normativa, todos os grupos inscritos deberán estar presentes ás 20.45 horas na Praza do Concello para confirmar a súa inscrición e participación. O pago da subvención realizarase ao remate da actividade no Pazo da Cultura. No caso de que algún dos dez primeiros grupos inscritos non participase a subvención correspondente a este, outorgaráselle ao seguinte grupo. Por último, o programa de Antroido non se pecha por completo ata o domingo 13 de marzo. Así, as asociacións do Concello teñen actividades, como o baile infantil de Rus e o Festival de disfraces de Cances, o sábado 12; ou o Domingo de Piñata que celebra a Asociación Cultural Nemeth.

Os interesados e interesadas en observar algunas imaxes do Concurso e Desfile de Disfraces Comparsas e Carrozas do Antroido de Carballo 2010, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: