Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle a Fase final provincial da...

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MARZO NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo acolle a Fase final provincial da categoría infantil masculina de baloncesto na que participa o Club Artai

Mércores 9 de marzo do 2011

Porén, calquera dos catro equipos teñen a posibilidade de acadar o primeiro posto. É certo que os carballeses, dirixidos por Javier Cotelo, non coñecen a derrota, pero tamén é certo que ante os rivais directos pasaron certos apuros para acadar a victoria, o que engade emoción aos encontros. Así, ante o Arteixo venceron por 65 a 61 hai quince días, e ante o Gayolo venceron por 76 a 60. O outro equipo que vén nun grande estado de forma é o Liceo A, que suma catro trunfos consecutivos. O coordinador dos equipos de baloncesto do Colexio Artai, Joaquín Moreira, engade que, ademais de premio para o primeiro clasificado, que accede á Copa Galicia, o segundo tamén disputará o Campionato Interprovincial cos equipos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, polo que esta Fase final ten varios atractivos para os participantes. Segundo explica, a idea de que o Artai organizase esta cita xurdiu hai un mes, e finalmente lévase adiante coa colaboración do Padroado Deportivo Municipal, a quen agradece a súa colaboración, así como á Delegación Coruñesa de Baloncesto. O xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, quixo tamén mencionar o labor do CB Artai, que "en tan pouco tempo estase codeando con clubs de tantos anos como o Liceo La Paz ou o Obradoiro", este último rival do Artai na liga.

Para García Bello vese o labor realizado no baloncesto de base, "cunha seriedade digna de destacar". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que "o Concello sempre apoia todas as actividades centradas no deporte de base" e resaltou o traballo de Joaquín Moreira, "sempre un exemplo para os amantes do baloncesto". O Alcalde quixo engadir que é "unha satisfacción ver o nivel competitivo destes equipos", ademais de que "o Artai parte como claro favorito". Por iso reiterou que o Concello "está encantado de poder colaborar" e desexou "que a xente desfrute dos novos valores do baloncesto" e que "apoie ao Artai para que consiga este obxectivo". De feito, Evencio Ferrero manifestou a súa intención de asistir á final do domingo co desexo de que o CB Artai A poida disputala. Os interesados e interesadas en acudir ao campionato teñen que lembrar que a cita é o sábado 12 e o domingo 13 de marzo no Pavillón da Zona Escolar (Vila de Noia), e que os partidos son os dous días ás 10.30 e 12.30 horas. A entrega de trofeos será o domingo despois da final.

Compartir: