Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo reparte 3.000 euros ata o domingo 26 de...

DENDE O MARTES 15 DE MARZO MERCANDO NO COMERCIO LOCAL

Carballo reparte 3.000 euros ata o domingo 26 de marzo coa campaña "As compras na túa vila teñen premio"

Mércores 16 de marzo do 2011

A campaña "As compras na túa vila teñen premio" ten sido posta en marcha pola Federación Galega de Comercio, en colaboración coas Federacións Provinciais de Comercio, coa Consellería de Economía e Industria a través da Dirección Xeral de Comercio, con Novacaixagalicia, co CCA Carballo e co Concello carballés. Desenvolverase durante o primeiro semestre de 2011 nun total de oito localidades galegas, tendo visitado xa Ribadavia, Vilanova de Arousa e Viveiro, mentres que, despois de estar en Carballo, viaxará ata Celanova, Vilalba, Marín e Sada. Ademais da promoción que se levará a cabo entre o 15 e o 26 de marzo, o último día, coincidindo co sorteo -para o que se repartirán uns 20.000 boletos- levarase a cabo a festa de peche. O programa ínclúe actividades durante todo o día, comezando ás 11.30 horas con animación de rúas e da Praza do Concello con zancudos, malabaristas e pasarrúas. Ás 12.30 horas está prevista a actuación dos pallasos infantís "Llilla e Fifo" e ás 16.30 horas as pasarrúas, os zancudos e os malabaristas volverán percorrer o centro carballés. Ás 17.30 horas, haberá un espectáculo de maxia cómica co "Rey Midas" e ás 18.30, xusto antes do sorteo, a actuación musical da cantante Mariana. A organización espera, ao igual que ocorreu noutras vilas, que visiten a carpa máis de mil persoas.

Durante a presentación da iniciativa, na carpa promocional, estiveron a xerente do CCA Carballo, María del Carmen Freire, o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o presidente da Federación de Comercio de Coruña, Miguel Agromayor, ademais do Alcalde, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. O Alcalde Evencio Ferrero, expresou o desexo do Goberno local de "contribuír a qe se dinamice Carballo e sexa un lugar de encontro para a compra". Subliñou a importancia das feiras de Carballo, un dos sitios onde máis días do ano está aberto o comercio local. Lembrou que se teñen posto en marcha programas para potenciar as feiras e dinamizar os feiróns dos quintos domingos de mes "nos que se buscan singularidades para crear atractivos para quen nos visite", nunha programación secuencial ao longo do ano. Subliñou o éxito co que pechou a Feira das Oportunidades celebrada os días 12 e 13 de marzo e desexou que Carballo sexa un concello "vivo e comercial", con éxito nesta nova iniciativa. Dende o CCA Carballo, María del Carmen Freire quixo agradecer a posta en marcha da campaña, nunha iniciativa destinada a combater a crise, xa que "sumando forzas", confía en que "superarase este camiño difícil". Defendeu a importancia do comercio de proximidade, que serve para "dar luz ás rúas, ofrecer seguridade nas zonas nas que se asenta e dar vida ás vilas e cidades".

Compartir: