Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo participa nun ciclo de charlas da...

LUNS 21 DE MARZO ÁS 17.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Carballo participa nun ciclo de charlas da Deputación da Coruña para conmemorar o 8 de marzo, 'Día das mulleres traballadoras'

Mércores 16 de marzo do 2011

É certo que as conquistas laborais da muller son cada vez maiores, maior porcentaxe de mulleres asalariadas, estudantes universitarias, empresarias, cargos políticos, etc. Aínda así, seguen existindo peculiaridades que establecen claras diferenzas entre xéneros. Se non se celebra un Día Internacional do Home traballador é, entre outras cousas, porque historicamente unha das funcións principais do varón foi o traballo e, con iso, a achega económica á vida familiar. Da muller non se esperaba, moralmente, a súa ambición e/ou necesidade de incorporarse ao traballo, sobre todo se isto producía o desprazamento da súa función no seo familiar. As cousas cambiaron, aínda que non cambiou tanto a ideoloxía ao respecto. Algúns datos para a reflexión: en Galicia o 53,56 por cento das mulleres están en situación de desemprego e só no 2010, 27.500 mulleres perderon o seu traballo; só o 23 por cento das mulleres terán dereito a cobrar o 100 por cen da xubilación, un 28 por cento das galegas ten contrato temporal e un 20 por cen traballa a tempo parcial, cobrando un 26 por cento menos que os homes. Non hai tanto tempo, pouco máis de trinta e cinco anos, que no noso país a muller necesitaba o consentimento do marido para realizar unha actividade remunerada. O camiño percorrido dende entón foi moito e os avances non poucos, pero cal é a situación na actualidade das mulleres traballadoras?

Existe a percepción, moi difundida en medios de comunicación, de que as mulleres reciben unha menor remuneración que os homes pola realización dun mesmo traballo e sofren máis paro ca eles. Se ben os estudos de referencia ao respecto coinciden en describir unha realidade moi próxima á mencionada, tamén hai que engadir que algúns tratan de ir máis alá do simple dato e buscar as verdadeiras razóns de tan inxusta situación. Estes estudos refiren que o desemprego feminino case duplica o masculino non obstante en empregos de nova creación mais do 63 por cento son ocupados por mulleres. Por outra parte ao redor dun 17 por cento do total de persoas ocupadas estano en empregos a media xornada, unha modalidade copada nun 80 por cen por mulleres. Os niveis salariais considerados por sexos no Euroíndice presentan tamén este ingrediente de falta de equidade. En España, porcentualmente falando, a diferenza entre ambos os dous xéneros alcanza nada menos que o 18 por cento de diferenza a favor dos varóns. Un dato obviamente elevado, aínda que aínda hai casos peores: en Reino Unido, os homes gañan ata un 22 por cento máis que as mulleres e en Alemaña, alcanzan o 23 por cen. As cifras máis baixas corresponderon a países como Portugal (9 por cento) e Italia (6 por cento). Parece claro que, a pesar das diferenzas entre os países obxecto do estudo, a desigualdade en todos eles existe. As persoas interesadas en reflexionar sobre este e outros temas, poden participar na charla, o día 21 de marzo a partires das 17.30 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: