Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rock de Carballo e Teatro de Ningures: proposta...

VENRES 11 E SÁBADO 12 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Rock de Carballo e Teatro de Ningures: proposta dos Venres Culturais para esta fin de semana

Xoves 10 de marzo do 2011

O sábado 12 abandónanse as notas musicais e retománse as citas teatrais dos Venres Culturais, neste caso cunha incorporación de última hora ao programa. Así, o Auditorio acolle a representación da obra de teatro gañadora da última edición do premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña "0,7% Molotov" (na imaxe), e que interpreta a compañía de Cangas Teatro de Ningures baixo a dirección do tamén autor do texto, Santiago Cortegoso. A obra enmárcase no contexto da hipócrita e consumista sociedade occidental, na que todo se merca en cómodos prazos. Neste marco EL-nihilista e solitario contrata a ELA-neohippy solidaria para que lle axude a vendimar as uvas. As uvas deste ano prometen un viño intenso, aromático, doce no padal. As personaxes serán representadas á vez polos actores Rocío González e Salvador del Río e polos bailaríns Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, que interpretan o seu interior. Despois de vinte anos de actividade teatral profesional. Teatro de Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos humanos, técnicos e materiais que fan desta compañía unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro imprescindible para os profesionais do sur do país, así como unha referencia no panorama teatral galego

Teatro de Ningures conta neste momento cun elenco estable, que traballa nas distintas obras que a compañía mantén en cartel, formado por cinco actrices, cinco actores e dous técnicos. Todos eles gozan de recoñecido prestixio dentro do mundo do teatro galego, con premios e mencións ó seu traballo. Ademáis é unha empresa na que traballan actores, técnicos e creadores de toda Galicia, pero fundamentalmente da provincia de Pontevedra, tendo nesta compañía un centro de traballo indispensable. Deste xeito, esta compañía posibilita a saída profesional e artística de moitos profesionais de toda Galicia, intentando nos últimos anos integrar xente nova, apostando por novos valores para a escena galega, contribuíndo a súa formación e á normalización do mercado de traballo teatral. Teatro de Ningures é tamén a compañía galega na que sistemáticamente ven realizando o seu traballo artístico un profesional de talla internacional como é o director Etelvino Vázquez, consolidando un equipo de traballo estable, encabezado polos actores e actrices socios da compañía: Casilda García, Pepa Barreiro, Sonia Rúa e Salvador del Río, que posibilita a creación dunha liña artística coherente, profundizando no traballo de grupo como unha vía posible para a creación dun estilo de traballo e dun estilo artístico recoñecible. A representación de "0,7% Molotov" comeza ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. O prezo da entrada é de 2,5 €, o prezo reducido de 2 € e os aboados poderán entrar gratuítamente presentando na taquilla o abono do programa dos Venres culturais 2011.

Compartir: