Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello emprende unha campaña para...

A PARTIR DO LUNS 14 DENTRO DO PROGRAMA CARBALLO LIMPO

O Concello emprende unha campaña para concienciar sobre a reciclaxe co reparto de máis de 2.000 bolsas informativas

Sábado 12 de marzo do 2011

Hai que lembrar que o centro urbano de Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo. Os habitantes do municipio poden contribuír deste xeito á defensa do medio, separando o lixo no seu domicilio. Ademais dos colectores específicos para facilitar a reciclaxe, tamén hai que ter en conta que os residuos orgánicos só deben depositarse no colector entre as 19:00 e as 22:00 horas, sempre nunha bolsa pechada. Ademais, recentemente, aumentouse a recollida selectiva coa instalación de dous Minipuntolimpos na Praza do Concello e na Rúa Fomento da capital municipal. Estas instalacións permiten a recollida de sete produtos en depósitos independentes con espazos para pilas usadas, teléfonos móbiles, CDs e DVDs, para lámpadas convencionais e alóxenas e incluso un depósito para cartuchos de impresora. Así mesmo, no polígono de Bértoa está situado o Punto Limpo municipal, no que poden depositarse os residuos perigosos do fogar, como o aceite de cociña usado, os electrodomésticos, voluminosos ou calquera outro tipo de lixo, agás a materia orgánica. De feito, a Ordenanza de Limpeza recolle que aqueles veciños e veciñas que depositen voluminosos na rúa ou nun dos colectores para recollida domiciliaria -de orgánicos, vidro, de envases ou papel- poden recibir unha sanción de ata 500 euros.

No Punto Limpo existen colectores específicos para mobles vellos, electrodomésticos, enseres domésticos, roupa, pneumáticos, radiografías ou cascallos procedentes de pequenas obras. En resumo, funciona como lugar de recollida de todos aqueles obxectos ou materiais non orgánicos que a cidadanía non sabe onde depositar. A maioría dos residuos depositados no Punto Limpo non son considerados lixo, ao poder ser reutilizados para novas funcións. Os materiais non aptos para a reciclaxe son enviados a plantas de tratamento especializadas. Este centro de recollida de residuos voluminosos e perigosos está aberto os martes, xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas. As concellarías de Servizos e Medio Ambiente, tamén queren lembrar o funcionamento do Punto Limpo Móbil, que está en marcha o primeiro martes de cada mes. Para desfacerse dos residuos voluminosos a través deste servizo, hai que chamar previamente, alomenos con 24 horas de antelación, ao 981 701 642. Ademais, o programa Carballo Limpo contempla un servizo de recollida de cartón pregado a pé de porta. Esta iniciativa constitúe un chanzo máis no proceso de reciclaxe, contribuíndo á conservación do medio e a unha maior comodidade para os veciños e veciñas que colaboran coa medida. As persoas que desexen desfacerse do cartón deben amorealo pregando as caixas para reducir o seu volume. Este cartón debe depositarse a pé de porta -nunca ao pé do colector do lixo-. Os servizos municipais de limpeza encárganse da súa recollida os luns, mércores e venres ás 20.00 horas.

Compartir: