Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o expediente de contratación para...

DIRECCIÓN DE SEGURIDADE DAS OBRAS DA ESCOLA INFANTIL

Aprobado o expediente de contratación para a construción da Biblioteca Comarcal de Carballo

Luns 14 de marzo do 2011

A Xunta de Goberno tamén supuxo a adxudicación do contrato administrativo de servizos para a "Dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde da obra Escola Infantil en Carballo" por un orzamento de 23.600 euros e un prazo de execución equivalente ao das obras da escola infantil. O novo servizo estará situado nunha parcela de 2.500 metros cadrados na urbanización de Riotorto, no polígono 19 do PXOM carballés, na contorna da estrada de Razo. Hai que lembrar que a adxudicación das obras (na imaxe) recaera nunha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Decoraciones J. Bello e Paraxe SL por un importe de 684.716 euros, o que supuxo unha baixa sobre o prezo de licitación -que era de 845.228,40 euros- de 160.512,40 euros. Así mesmo, a UTE ofertou unha mellora sobre do prazo de execución, comprometéndose a rematar os traballos en nove meses e medio fronte aos 12 meses previstos nun comezo. A nova Escola Infantil esta sendo financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña asinado o pasado mes de xullo polo que o organismo provincial achega 550.000 euros, mentres que o resto do importe será asumido polo Concello. O sistema de adxudicación realizouse con criterios de valoración como son a proposta económica, a redución de prazos ou o plan de execución da obra. Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribuirase en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, na que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións.

Apertura da rúa Bos Aires

A sesión tamén serviu para resolver o expediente de ocupación directa de terreos para a apertura da prolongación da rúa Bos Aires da capital municipal carballesa. Deste xeito, recibe luz verde a ocupación de 21,5 metros cadrados situados no polígono 28 do PXOM para poder completar a conexión da rúa Bos Aires coa Avenida de Ponte da Pedra dentro dos traballos de urbanización do polígono 26. A apertura do vial é considerada de interés público, de aí que se realice a ocupación directa. Ademais, recoñécense os dereitos do propietario dos terreos para que poida aproveitar esta superficie cando se leve a cabo a urbanización do polígono 28. Se este polígono non se desenvolvese nun determinado prazo, abonaríaselle ao propietario o prezo legal dos terreos. Con este trámite, avánzase nas xestións para a apertura da rúa Bos Aires. O obxectivo desta actuación é crear unha vía paralela á rúa Perú para permitir alixeirar o tráfico rodado nesa vía. Así mesmo, deste xeito, compleméntanse os traballos de urbanización dos polígonos 26 e 27. Por último, a Xunta de Goberno Local supuxo a dación de conta do resumo dos ingresos da recadación municipal en xaneiro de 2011 por un importe de 41.842,52 euros; a liquidación do programa Xantar na Casa para o período outubro-decembro de 2010; a autorización de dous vaos permanentes; de sete licenzas de obra; de tres licenzas de acodicionamento e apertura; de tres licenzas de actividade; dunha licenza de primeira ocupación, dunha segregación e dunha licenza de parcelación.

Compartir: