Inicio Carballo ao día Hemeroteca O CEIP Fogar supera as súas barreiras...

VISITA AO COLEXIO DE XOÁN SANDE E DE COGAMI

O CEIP Fogar supera as súas barreiras arquitectónicas cunha achega de 184.000 euros da Deputación provincial

Mércores 16 de marzo do 2011

Segundo explicou a Concelleira de Educación, Mar Eirís, as melloras fixéronse pensando en todos os usuarios e usuarias do centro, no só o alumnado e o profesorado, senón tamén o persoal de limpeza, facilitándose tamén o traballo destes últimos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, lembrou a situación do centro antes da reforma, cando "para cruzar un pasillo tiñas que cruzar obrigatoriamente escaleiras" e subliñou que o CEIP Fogar era un centro cun elevado número de obstáculos. Nese sentido, dende Cogami, Sestayo quixo agradecer que se realizase este proxecto para "atender necesidades básicas que aínda estaban sen cubrir", e especialmente en tempos de crise, cando os fondos son escasos e aínda así existe a "sensibilidade" para investir en accesibilidade. O deputado provincial, Xoán Sande, subliñou que a actuación pretende "mellorar a calidade de vida día a día" e lembrou que se teñen investido arredor de 6 millóns de euros en toda a provincia co obxectivo de eliminar as barreiras arquitectónicas de edificios públicos. Así mesmo, o goberno local espera poder seguir traballando na accesibilidade dos edificios municipais e confía en poder emprender melloras neste sentido no Pavillón Vila de Noia da capital municipal.

O director do centro, Fernando Garea Vidal, quixo agradecer a colaboración entre administración para facer posible a actuación: "todos están facendo un esforzo por mellorar o centro". Tampouco desaproveitou a ocasión para lembrar que fan falla novas intervencións de cara ao futuro. A eliminación de barreiras no CEIP Fogar supuxo a creación dun proxecto no que se tiveron que tirar paredes, crear e mellorar ascensores ou unir alturas situadas a niveis dispares. Así, o centro está dividido en dous grandes bloques, un deles tiña acollido noutros tempos o "Internado da antiga Escola Fogar". Hoxe os dous andares están ocupados polo alumnado de Educación Infantil, o Centro de Formación e Recursos (CFR), o Departamento de Orientación, e a aula de Informática. A planta baixa deste bloque está ocupada polas cociñas, comedor, hall de entrada, biblioteca, secretaría, dirección e sá de profesores. O segundo bloque está ocupado, na planta baixa polos ximnasios, e nas plantas primeira e segunda polo alumnado de Primaria, aulas de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, Idiomas, laboratorio, aula de audiovisuais e aula de Educación Musical.

Compartir: