Inicio Carballo ao día Hemeroteca O XIII Certame Fotográfico Xosé...

EXPOSICIÓN ATÉ O 17 DE ABRIL NO 3º ANDAR DO PAZO DA CULTURA

O XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís premia as "bolsas" da muxiana Teresa Búa

Xoves 17 de marzo do 2011

O segundo premio do certame -dotado con 450 euros e diploma- recaeu en Roberto Milán, de Alicante, pola súa obra "Sensaciones 2", aínda que non puido asistir ao acto e recolleu o premio no seu nome José Castaño; o Premio Especial Carballo -dotado con 450 euros e diploma- recaeu en "Un día calquera", de José López Pérez, de Santiago de Compostela. Este ano, ademais, o xurado decidiu outorgar dous accésits, patrocinados pola empresa de fotografía situada na Gran Vía, Interfilm-Carballo, e dotados con 125 euros cada un e diploma, ás seguintes obras: á fotografía "A rapa das bestas" presentada por Adolfo Enríquez Calo e á fotografía "Antonio"" presentada por Juan Sidro Marín, ambos de Santiago de Compostela. A entrega de premios e a inauguración da exposición das obras do XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís contou coa presenza de representantes do xurado, especialmente de Mª José Rodríguez Díaz, da ARCD San Martín de Razo, que entregou o segundo premio; de Óscar Cristóbal, de Interfilm-Carballo, que entegou os accésits; de Pilar Eirís, en representación da familia de Xosé Manuel Eirís, que entregou o Premio Especial Carballo; e de numerosos membros da corporación, veciños e veciñas. A gañadora amosouse parca en palabras, e tan só agradeceu a colaboración das "bolsas" da foto, mentres que outro dos premiados, José López Pérez, quixo dar as grazas por ter a oportunidade de "poder amosar as nosas obras, gusten ou non, tanto o ben feito como o mal feito".

Este ano, o xurado do XIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que suma un total 1.850 euros en premios, estivo composto por Belén Lendoiro Esmorís (concelleira de Cultura), Mª José Rodríguez Díaz (en representación da A.R.C.D. San Martín de Razo), Henrique Hortas López (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), César Fernández Jiménez (profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Ricardo Cambón Rama (fotógrafo profesional), Ana Pillado Vega (artista plástica e ilustradora), e Mª del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo). A denominación de Xosé Manuel Eirís para o Certame provén do recoñecemento que o Concello de Carballo e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do noso patrimonio cultural e pola participación dos cidadáns neste proceso de desenvolvemento. Esta iniciativa pretende perpetuar o recordo para o que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións, a fotografía. Os interesados e interesadas en observar unha escolma do mellor do panorama fotográfico galego e español, só teñen que achegarse á sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo en horario de 18.00 a 21.00 horas antes do 17 de abril.

Compartir: