Inicio Carballo ao día Hemeroteca A comedia de Teatro de Ningures "Atra...

VENRES 18 E DOMINGO 20 DE MARZO ÁS 21.00 E 18.00 HORAS

A comedia de Teatro de Ningures "Atra Bile" e os monicreques do espectáculo "Cinderella Mix" nos Venres Culturais

Venres 18 de marzo do 2011

Comezando pola cita do venres 18, "Atra Bile" conta a historia de Nazaria, Daría e Aurora, tres irmás que pasaron toda a súa vida xuntas nunha gran casona acompañadas da fiel criada Ulpiana. Esta noite están reunidas para velar o cadáver do marido de Nazaria, a única que casou. No velorio sairán á luz as eternas discordias entre as irmáns e eses segredos ocultos que permanecen alí, latexantes, durante cincuenta anos. Se hai algo que percorre todo o montaxe (sen pretensión de denuncia nin moralexa) é unha clara débeda ao realismo máxico e unha homenaxe literaria aos mestres de Ripoll, a autora. A obra leva por subtítulo "Cando esteamos máis tranquilas..." e recolle o froito caído do imaxinario de autores como Poe, Borges ou Rulfo, a quen tanto debe Ripoll. De Borges herda a autora o xogo co tempo, que intenta trasladar o texto, e de Rulfo a tristeza e a soidade que planea sobre toda Atra Bilis. "Os autores que máis me influíron nesta obra son Valle-Inclán, Lorca e Arrabal. O noventa por cento da temática galega de Valle está contida aquí e o meu teatro débelle moito. Pero sobre todo Lorca e a súa Casa de Bernarda Alba son influencias ineludibles en Atra Bilis. Toda a traxedia rural, e a situación das mulleres oprimidas no pobo son herdadas do drama lorquiano", explica a autora. A piques de cumprir vinte e cinco anos de traxectoria, Teatro de Ningures é unha das compañías máis estables de Galicia. As súas montaxes inclúen tanto en autores clásicos como contemporáneos, galegos e estranxeiros, así como versións ou adaptacións de novelas.

Os cativos e cativas, pola contra disfrutarán dunha "Cinderella Mix", na que tres personaxes que coinciden por casualidade caen engaiolados por unha historia que os leva a xogar, a mesturar, a compartir. Tres olladas humildes, cheas de ilusión, de cor, de música e de moita tenrura. A compañía Artello iniciou en 1994 un traballo artesanal de mestura de obxectos, actores, sombras e segue apostando polos espectáculos de creación colectiva, acadando calidade e orixinalidade en cada unha das súas propostas para o público infantil. Así, Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, coa colaboración de Manuel Pombal na dirección decidiron iniciar entón unha nova etapa da compañía, denominada ata entón Artello. Tentaron crear un xeito de producción máis artesanal, polo que lle engadiron o sobrenome de Teatro alla scala 1:5. Tras case ano e medio de traballo de creación e de construcción, o 23 de Xuño de 1995 estrearon en Vilagarcía de Arousa a montaxe "A do libro (Aventuras de Perello de Chora-que-logo-bebes)". Foi galardoada co Premio á Mellor Estética Visual na Mostra Internacional de Titelles de Albaida (Valencia). En Outubro de 1997 comezaron a traballar nun novo espectáculo, "Unha de amor", estreado en Vigo en Xaneiro de 1999. Na IX Feria Europea de Teatro para Niñ@s de Gijón (FETEN) recibiu a Mención Especial do Xurado pola súa posta en escena e producción. Con estas dúas obras teñen participado -e continúan a facelo- na meirande parte dos festivais e programacións, así como en numerosas campañas escolares por toda a Península, e continúan creando montaxes.

Compartir: