Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Alcalde apoia a petición dos...

REMITÍRONSE 310 SINATURAS Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL

O Alcalde apoia a petición dos veciños e veciñas de Bértoa de mellorar a seguridade na vía de Caión

Venres 18 de marzo do 2011

O Alcalde menciona no escrito que o tramo de vía afectado rexistra unha sinistralidade "moi elevada", chegando a convertirse nun dos principais puntos negros da rede viaria de Carballo, feito que se fai especialmente evidente en dúas curvas concretas, ademais de que se trata dun trazado xa de por si especialmente sinuoso pola cantidade de curvas e de cambios de rasante que presenta. A constatación de que estas dúas curvas concentran case a totalidade dos accidentes de circulación, sendo máis de 12 nun período de tempo inferior a dous anos, é un dos motivos que podería facer pensar na necesidade de revisar o seu peralte. Así mesmo, menciónase que o reforzamento da sinaléctica, especialmente no que respecta aos límites de velocidade e as curvas, ten demostrado ser unha medida ineficiente á hora de evitar accidentes, que seguen a producirse, provocando nalgúns casos vítimas mortais. Sendo o exceso de velocidade o principal factor no alto número de sinistros, o Alcalde subliña que a petición veciñal de poñer en marcha sistemas que eviten o exceso de velocidade, ben coa instalación de pasos de peóns elevados nos puntos máis perigosos, ou co desenvolvemento dunha alternativa similar, poden considerarse demandas necesarias e urxentes.

Nos últimos tempos, o Concello de Carballo ten emprendido actuacións para mellorar a seguridade viaria, entre as que destaca a creación de beirarrúas en Taboada, parroquia de Entrecruces, unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e da rede viaria local do ano 2010 (POS 2010), con cargo á Deputación. A empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos é a encargada de levar a cabo este proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses. Porén, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, espera que os traballos poidan estar rematados antes. O orzamento de adxudicación é de 36.620,44 euros, cunha baixa de preto de catro mil euros sobre o orzamento de licitación, de 40.376,57 euros. Estes traballos dan resposta a unha demanda dos veciños e veciñas de Entecruces, que solicitan que se reduza a perigosidade na marxe dereita da ponte, onde se teñen rexistrado accidentes de circulación debido á curva que se forma. Así mesmo, o Concello informa de que xa hai un acordo coa Deputación da Coruña para que, unha vez creadas as beirarrúas e rematadas as obras, se proceda ao acondicionamento do firme da vía. Así mesmo, o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal e da rede viaria local do ano 2010 (POS 2010) inclúe outras dúas actuacións na estrada CP-1914 Carballo-Santiago ao seu paso polo municipio, para seguir redundando na seguridade.

Compartir: