Inicio Carballo ao día Hemeroteca A réplica dos tesouros da Tumba de...

ENTRE O 19 DE MARZO E O 3 DE ABRIL NA FEIRA DOS 5 CONTINENTES

A réplica dos tesouros da Tumba de Tutankamon visita por primeira vez Galicia no marco do festival Panxea

Venres 18 de marzo do 2011

A carpa dedicada a Exipto conta cun conxunto co sarcófago, a efixie ou a máscara de Tutankamón, coa recomposición dun conxunto histórico e etnográfico que leva ao espectador diante do xacemento arqueolóxico máis importante do século XX, que supuxo unha achega fundamental para comprender a historia e a cultura exipcia da época. A FIC ten cabida, ademais para unha grande exposición universal, cargada de novidades, produtos chegados dende os lugares máis exóticos do mundo, actuacións e demostracións que farán que o público se anime a percorrer cada stand, adquirindo pezas únicas cargadas dun importante matiz histórico e cultural, que forman parte dun patrimonio que non é habitual encontrar nos mercados e feiras máis habituais. A Feira Internacional dos Cinco Continentes preséntase como unha oportunidade de acceder a figuras e máscaras de madeira procedentes de África, ou pinturas traídas dende Cuba, artesanía realizada a base de area ou minerais extraídos de puntos remotos da xeografía universal. Dende a arte de Cuba ata a máis rexia cultura árabe, a iniciativa preséntase cun claro obxectivo integrador, que intenta presentar o lado máis positivo da globalización e da unión intercultural.

Outro dos fins da FIC é o de destacar e promocionar artistas de todas as disciplinas, ademais das demostracións en directo da ourivería exipcia, pintores, escultores ou artesáns do coiro ou da madeira presentan as súas obras na Feira dos 5 Continentes. Pero ademais da FIC, o festival Panxea tamén quere subliñar a solidariedade coa colaboración con entidades sen ánimo de lucro e fundacións, presentando distintos proxectos e sensibilizando á poboación das problemáticas existentes. Así, haberá unha caseta dedicada a ONGs que nesta ocasión estará ocupada polas "Familias co pobo saharaui" da comarca de Bergantiños, que cada ano acollen a un grupo de nenos e nenas chegados dende o Sáhara occidental e lles ofrecen a posibilidade de escapar da situación que viven alí. Por outra banda, Panxea estará animado con actuacións musicais. O sábado 19 toca o grupo Mariachis Toluca e o domingo 27 é a quenda do grupo de música Brasil Pandeiro, ambos na Praza do Concello en horario de 12.30 e 17.30 horas. A apertura do Panxea e da Feira dos 5 Continentes é o sábado 19 de marzo ás 11.00 horas e está prevista ás 12.00 horas unha visita institucional polos distintos postos do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. O festival Panxea é una cita que xurdiu como un festival musical e gastronómico e nos últimos tempos tense convertido nunha cita máis relacionada coa multiculturalidade.

Compartir: