Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Antena Local da Cámara de Comercio en...

O XACEMENTO DE EMPREGO MÁIS IMPORTANTE NA COMARCA É O TURISMO

A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo contou con máis de 600 usuarios no ano 2010

Mércores 23 de marzo do 2011

En canto aos estudios elaborados polo Observatorio Socioeconómico Local, hai que subliñar que, dende a creación da Antena Local en 2004, ten desenvolvido un total de 13, abordando temas como o comercio exterior, o impacto da crise, o turismo ou o sector téxtil. A estes estudos hai que sumar a realización de 12 paneis socioeconómicos. En 2010 realizáronse dous estudos: "Novos xacementos de emprego en Carballo e a súa área de influenza" e "Estudo dos sistemas produtivos locais: posta en valor dos produtos do territorio". No primeiro caso, o traballo desvela que o novo xacemento de emprego con máis potencial en Carballo e a súa área de influenza é o turismo. Aínda que o sector xa conta cun certo grado de desenvolvemento na actualidade, e están realizándose iniciativas asociativas para potencialo, o estudo subliña que é necesario seguir dando pasos firmes de cara ao futuro, tanto dende a iniciativa privada como dende a pública: diferenciación, especialización e formación son considerados os alicerces de futuro. Pero o informe tamén ten en conta outros sete xacementos de emprego, a maioría deles cun potencial medio alto: o desenvolvemento cultural local, a valorización do patrimonio cultural, as novas tecnoloxías da información e a comunicación, a mellora dos aloxamentos, a protección e mantemento de zonas naturais, ou a captación de actividades intensivas en man de obra, especialmente en sectores industriais. Cunha potencialidade media baixa está clasificada a agricultura e gandería ecolóxicas, aproveitando unha actividade tradicional con presenza no territorio.

No que respecta ao "Estudo dos sistemas produtivos locais", o Observatorio Socioeconómico centrouse na análise da Explotación dos recursos mariños e fluviais, entrevistando empresas e entidades relacionadas co sector, entre as que destacan as carballesas Herfraga e Calvo. Entre as conclusións das liñas que debe seguir o sector, extraídas a través dun estudo DAFO, hai que subliñar que é necesario crear máis redes de contacto empresarial, obter formación especializada, fomentar o cooperativismo, desenvolver estratexias de comercialización conxunta, difundir a calidade dos produtos autóctonos ou promover os certificados existentes. Respecto das fortalezas, unha das principais é o impulso de iniciativas relacionadas co turismo mariñeiro, mantendo a relación con redes comerciais como "Mar do fin da terra" ou Turgalicia, ademais de impulsar focos de atracción, como o turismo industrial, de marisqueo ou rutas de cetarias. Por último, entre as oportunidades, destaca a ampliación da diversificación das actividades abordadas pola xente do mar, mediante a creación de empregos adicionais noutros sectores, como o turismo ou o patrimonio cultural, a especialización en nichos de mercado ecolóxico ou delicatessen, ou o apoio ás imaxes de marca. O acto de presentación, no que estiveron o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial; a responsable da Antena Local, Vanesa Rearey, ademais de representantes da Cámara, da corporación e do tecido produtivo local, foi pechado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Ferrero quixo subliñar as novas oportunidades que se abren cos 740.000 metros cadrados xa urbanizados no parque empresarial de Bértoa, listos para ser ocupados, e que se "cree o dinamismo para o que o polígono foi construído". Defendeu a necesidade de que "o territorio témolo que construír entre todos procurando que florezan as sinerxías" e, aproveitando a presenza do Presidente do Grupo Calvo, José Luís Calvo, e a análise realizada sobre o sector mariño, quixo resaltar que "hai que ser moi bo empresario e moi bo carballés" para levantar un proxecto como o de Conservas Calvo, o que demostra que "pódense poñer proxectos empresariais exemplares no mundo confiando no propio territorio". O Alcalde rematou desexando, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, "mil primaveras máis para a Cámara de Comercio e a Antena Cameral para que florezan mil novas empresas".

Compartir: