Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cinco espectáculos de danza...

DO 1 AO 9 DE ABRIL NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

Cinco espectáculos de danza contemporánea de calidade para todos os públicos conforman o programa de Primavera enDanza

Luns 21 de marzo do 2011

O venres 1 de abril ás 21.00 horas arrinca o programa con "El salto de Nijinsky" dos cataláns Tránsit Dansa, que celebran nos escenarios o seu 25 aniversario baixo a dirección de María Rovira, unha das profesionais da danza en España que conta con máis prestixio, tanto a nivel nacional como internacional. Esta proposta está inspirada nunha das figuras máis revolucionarias da danza, o bailarín Nijinsky, e no seu salto que axuda á coreógrafa a reflexionar sobre a memoria e a orixe dos seus impulsos. O sábado 2 de abril ás 21.00 horas estréase o primeiro espectáculo galego do programa, Sólodosneodans, con "Sólodos". Constituída en 2010, esta compañía conta con prestixiosos bailaríns que xa estiveron en Carballo con outras compañías como o Centro Coreográfico Galego. Desta volta xa teñen visitado o Festival de ballet de La Habana e contan catro pequenos relatos: Caracola, Nozomi, Mareia e Vigilia en ausencia, nos que se explora a parella, o amor, o mar, o tempo, etc. O domingo 3 de abril chegan os tamén galegos La Macana, con "El país de las sombras", neste caso ás 18.00 horas. Aínda que está encadrada para o público familiar, esta proposta está aberta tamén para adultos, contando a historia de tres personaxes na procura dos seus soños. É unha estrea en Galicia e en España dun espectáculo íntimo no que participa Alexis Fernández, un coñecido bailarín cubano afincado en Suecia, país onde esta proposta acadou un grande éxito, estando en cartel dende 2004.

O peche de Primavera enDanza chega o venres 8 e sábado 9 de abril. O primeiro día ás 20.00 horas con Aracaladanza e as súas "Nubes". Trátase dunha das compañías máis importantes de España en danza infantil, chegan ao Pazo da Cultura por cuarta vez acadando en 2010 un cheo absoluto co seu espectáculo "Pequenos paraísos" e despois de recibir, tamén o ano pasado, o Premio Nacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude. Con "Nubes" contan con tres nomeamentos aos premios Max e é todo un "privilexio para Carballo e para a comarca", en verbas de Belén Lendoiro", presenten por primeira vez en Galicia este espectáculo no auditorio de Carballo. A proposta está inspirada na obra do pintor surrealista René Magritte, emprendendo unha viaxe poética e fascinante. O programa remata o sábado 9 ás 21.00 horas con "El gran banquete" dos valencianos Otra Danza. O espectáculo, ambientado no século XVIII, combina a danza co teatro e os audiovisuais coas composicións sinfónicas do mestre Chapí, incluíndo tamén a comicidade e o humor. Otra Danza foi funda en 2007 por Asún Noales e dende entón ten participado en numerosos certames nacionais e internacionais acadando prestixiosos premios.

Bonos, entradas e actividades paralelas

Primavera enDanza conta con actividades paralelas para difundir o baile contemporáneo. Así, durante o festival realizaranse presentacións para algúns dos espectáculos en diferentes espazos públicos de Carballo. Ademais, ao final de cada función o público poderá falar cos coreógrafos e directores das propostas no marco da cita "Cómo se crea un espectáculo de danza?". Os vinte primeiros en anotarse nesta actividade terán unha entrada de balde para ese espectáculo. No que respecta aos bonos e entradas, están á venda dende o xoves 24 de marzo de 11.00 a 14.00 horas no Pazo da Cultura, ou no teléfono 981 704 300. No primeiro caso, o prezo é de 15 € ou de 10,5 € con desconto. No segundo, poderanse reservar un máximo de 4 entradas por persoa. Tamén é posible mercar os tickets dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo da Cultura. Máis información sobre a venda de entradas no programa, que pode consultarse nesta nova en pdf.

Compartir: