Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos para a creación de...

O ORZAMENTO SUPERA OS 160.000 EUROS

Principian os traballos para a creación de beirarrúas entre Ponte Rosende e a capela de Vivente, en Ardaña

Martes 22 de marzo do 2011

Nesta ocasión, os traballos supoñen a creación de beirarrúas na marxe esquerda da estrada Carballo-Santiago durante 577 metros lineais de lonxitude, dun ancho de 1,5 metros que nalgúns treitos pode chegar a 2,8 metros. Ademais das beirarrúas, os traballos inclúen a instalación da rede de pluviais, da rede de saneamento, o afirmado da vía, a dotación dunha capa de rodadura e a instalación eléctrica. A rede de pluviais contará cunha lonxitude de 590 metros lineais. A rede de saneamento terá esta mesma lonxitude e está previsto que comece no pozo de bombeo situado a carón da Ponte Rosende. As unidades de obra que se realizarán con motivo da instalación do saneamento consisten na demolición da solera de formigón, na demolición dun muro de formigón e da cimentación, na excavación dunha gabia para a colocación da canalización, na condución dunha canalización de PVC para pluviais de 650 metros lineais, na condución dunha canalización de polietileno para a rede de saneamento de 590 metros lineais e na colocación dunha tubaría de PVC para a instalación do alumeado de 590 metros lineais. No caso do poxecto do POS 2011 para crear beirarrúas na Canosa-Rus, a adxudicación recaeu en Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, por un importe de 141.436,76 euros.

No caso das obras para mellorar a seguridade viaria e crear beirarrúas en Taboada, parroquia de Entrecruces, a empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos é a encargada de levar a cabo este proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses. Porén, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, explica que está previsto que os traballos poidan estar rematados antes. O orzamento de adxudicación é de 36.620,44 euros, cunha baixa de preto de catro mil euros sobre o orzamento de licitación, de 40.376,57 euros. Estas melloras dan resposta a unha demanda dos veciños e veciñas de Entrecruces, que solicitan que se reduza a perigosidade na marxe dereita da ponte, onde se teñen rexistrado accidentes de circulación debido á curva que se forma. Así mesmo, o Concello informa de que xa hai un acordo coa Deputación da Coruña para que, unha vez creadas as beirarrúas e rematadas as obras, se proceda ao acondicionamento do firme da vía. Por último, o Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas e dos usuarios e usuarias da estrada mentres duren os traballos e pide desculpas, así mesmo, polas posibles molestias e retencións ocasionadas.

Compartir: