Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais pechan a súa...

VENRES 25, SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Os Venres Culturais pechan a súa programación con teatro, música e unha proposta para cativos e cativas

Xoves 24 de marzo do 2011

O sábado 26 de marzo os Venres Culturais pechan as súas citas coa música da man de The Homens e o seu "Detrás da canción-Concerto Acústico". A partires das 20.00 horas o auditorio do Pazo da Cultura abre as súas portas para un concerto libre e gratuíto desta coñecida banda compostelana de powerpop. Desde o seu nacemento, en 2004, o grupo ten gravado dous LPs que tiveron unha extraordinaria acollida "Tres" (2007) e "Cuarta Potencia", elixido como un dos mellores discos do ano 2010. Neles combinan a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables, e sempre en galego. Neste acústico realizan unha selección dos seus mellores temas, e seguro que non faltan cancións como "Calamar", "Perfecto" ou "Tigre, tigre". Ademais, o concerto non é a única actividade, xa que, dentro do programa Bocaberta da Xunta de Galicia, tamén o sábado 26 pero ás 18.00 horas, terá lugar no Telecentro do Pazo da Cultura un obradoiro de música caseira titulado "Detrás da canción" e impartido por Projecto Mourente e coa axuda de The Homens. Este obradoiro, de dúas horas de duración, tamén é gratuíto, e para participar é necesario inscribirse no sitio web <www.detrasdacancion.info>. Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder esta actividade, na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

O ciclo En Familia pecha con "Frankenstein"

Por último, o programa da fin de semana péchase co ciclo En Familia, e unha proposta para os máis cativos e cativas de man da compañía de Ferrol Ghazafelhos, que presentan a súa particular versión de "Frankenstein" (na imaxe). O domingo 27 a partires das 18.00 horas, esta proposta teatral plantea preguntas, como: existe realmente Frankenstein? que pode agocharse tras un castelo perdido no medio das montañas? Quizáis algo que non quere ser descuberto ou quizais algo que espera que o descubran. A Dra, Mon Champignon e o Dr. Pe Arrepío embarcaranse nunha nova aventura para tratar de botar luz sobre tal misterio. Existe ou non o monstro de Frankenstein? Ghazafelhos nace en 2005 como compañía de teatro infantil e xuvenil centrada no traballo de monicreques e animación. "Frankenstein" é a súa última produción, unha obra na que incorporan grandes efectos de tremoia para introducir ao espectador nunha fascinante aventura. A duración do espectáculo, dirixido para o público familiar maior de sete anos, é de 60 minutos. O prezo da entrada é de 2,5 euros, e de 2 euros cos descontos aplicables. Este espectáculos está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Compartir: