Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta un orzamento...

MÁIS DE CATRO MILLÓNS DE EUROS DESTÍNANSE A INVESTIMENTOS REAIS

Carballo presenta un orzamento "realista", "social" e "austero" cunhas contas que superan os 20,5 millóns de euros

Venres 25 de marzo do 2011

Atendendo ás contas polo miúdo, no capítulo de ingresos, as operacións correntes chegan a 18.015.803,44 euros. María Jesús Vázquez explica que un dos capítulos que baixa neste apartado é o dos impostos indirectos, xa que se corresponden aos ingresos xerados pola actividade na construción. Segundo a Concelleira de Facenda, "nestes momentos a recuperación da construción é moi lenta, e decidiuse facer unha previsión bastante conservadora". O outro capítulo que descende é o das transferencias correntes -de 8.437.786,28 euros-, xa que baixan as achegas doutras administracións. Vázquez mencionou o Fondo de Cooperación Local da Xunta ou os Fondos Europeos Feder, así como programas suprimidos por decisións do Goberno autonómico dos que desfrutaba Carballo, como as achegas para auxiliares de Policía, o Noitebús ou o programa de vida saudable, entre outros. En total, os ingresos correntes baixan dous millóns de euros respecto de 2010. No que se refire ás transferencias de capital (1.927.304,05 euros), achegas destinadas á realización de certos investimentos en concreto, Vázquez menciona 500.000 euros do Estado para a mellora da contorna do mercado municipal; o Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación; máis de 450.000 euros, tamén da Deputación, para a construción dunha nova escola infantil; a última anualidade do Fórum ou 20.000 euros para melloras en instalacións deportivas.

Capítulo de gastos e investimentos

No apartado de gastos, hai que mencionar o capítulo de investimentos reais, que ascende a 4.305.198,53 euros, con proxectos como a Escola Infantil, 485.000 euros do POS, máis de 300.000 euros en saneamentos e outros tantos en gastos de urbanización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ou un total de 924.326,50 euros no Fórum Carballo. Deste case millón de euros, o acondicionamento do centro de dinamización e o equipamento dos talleres de formación levan más de 740.000 euros, mentres que tamén haberá cantidades para o desenvolvemento sostible ou para incentivar a participación cidadá no Fórum. No que respecta aos gastos correntes, o capítulo de persoal (de 5.895.745,71 euros) está axustado polo plan de loita contra a crise , que esixe que as retribucións de todo o persoal teñen que ser as mesmas que en decembro de 2010, ademais de que se limitou a oferta de emprego público excepto na consolidación de prazas.

Os gastos correntes (8.253.773,47 euros) experimentaron un aumento, xa que tamén tiveron que incrementarse certas partidas, como a de praias, para repoñer os danos do temporal; a da Policía Local, pola normativa que esixe cambiar o vestiario e a rotulación; a de Protección Civil, polo roubo de material de socorrismo; ou o servizo externo de axuda no fogar, que en 2010 non foi suficiente. Respecto dos gastos financeiros (226.365,39 euros), subiron lixeiramente porque aumentaron os intereses. E no caso das transferencias correntes do Concello a outras administración, de 1.237.561,66 euros, hai que subliñar que baixan porque tamén diminuíu a achega do Concello ao Padroado Deportivo Municipal, que incrementou o seu nivel de autofinanciamento. Porén, aumentaron as subvencións a particulares e ao comercio local para favorecer a dinamización económica, así como a achega ao Plan de Emprego Municipal para contribuír a loitar contra o paro.

Compartir: