Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo solicita 4,2 millóns de euros de...

APROBADO O PLAN DE DINAMIZACIÓN EMPRESARIAL DO FÓRUM

Carballo solicita 4,2 millóns de euros de fondos europeos Feder para ampliar e mellorar o subministro de auga potable

Luns 28 de marzo do 2011

A Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación das bases do Plan de reactivación e Dinamización empresarial do proxecto Fórum Carballo. No marco desta iniciativa xa se ten posto en marcha a principios de 2011 o Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo, no que teñen participado numerosos locais comerciais da vila, e tamén neste marco está en marcha un Concurso de Escaparatismo no que poden anotarse os establecementos que así o desexen até o sábado 2 de abril. Agora saen adiante as bases para un Plan de Dinamización que ten como obxectivo a selección e inclusión de empresas e autónomos en distintas liñas de actuación que se adapten ás súas necesidades e que lles permitan mellorar nalgúns dos seus aspectos clave. Son un total de seis liñas que abordan distintos aspectos: internacionalización das empresas, marketing, mellora da situación financeira, mellora na xestión de cobros e morosidade, planificación estratéxica ou mellora da calidade do sector turístico. En breve publicaranse as bases e estará aberta a convocatoria para que poidan anotarse as empresas de Carballo que estean interesadas. No apartado de subvencións, tamén saíu adiante unha solicitude para a promoción do uso da lingua galega no Concello de Carballo, mantendo o Servizo de Normalización Lingüística do Concello e poñendo en marcha programas para a dinamización da lingua no ámbito local por 25.586 euros. Así mesmo, aprobouse a petición dunha subvención para a limpeza de praias na anualidade de 2011 por un importe de 33.840 euros dentro da convocatoria da Deputación da Coruña para socorrismo e limpeza de praias.

No que se refire a expedientes de contratación, recibiron luz verde tres relacionados co proxecto Fórum Carballo, e que teñen como obxectivo ultimar algúns detalles de cara á finalización das obras e os subministros do recinto situado na Milagrosa. Son: o contrato administrativo da 'Obra complementaria de urbanización para dotar de infraestructuras de telecomunicacións, enerxía eléctrica e alumeado público ao edificio do Fórum Carballo'; o contrato administrativo de 'Subministro de equipamento de son e audiovisual no Auditorio da Nave núm. 1, da obra Fórum Carballo'; e o contrato administrativo de 'Subministro de equipamento de maquinaria de cafetería, da obra Fórum Carballo'. No primeiro caso, o orzamento base de licitación é de 71.073 euros, téndose en conta como criterios xerais a oferta económica e a redución do prazo de execución. No segundo, o orzamento de licitación é de 35.083 euros. Por último, o expediente de contratación para o equipamento da cafetería, situada na nave 4 do recinto do Fórum, ten un orzamento de licitación de 36.201 euros. Os tres contratos de obras están cofinanciados nun 70 por cento a través de fondos europeos Feder. Así mesmo, a sesión supuxo a aprobación de 2 vaos permanentes, de 8 licenzas de obra, de 2 licenzas de obra e apertura, duna licenza de apertura e de 4 licenzas de primeira ocupación. Por último, a Xunta de Goberno dou conta do resumo de ingresos da recadación municipal para febreiro de 2011, que ascende a 33.761,98 euros da caixa municipal.

Compartir: