Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle un ciclo de obradoiros para nais...

ENTRE O 5 DE ABRIL E O 24 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle un ciclo de obradoiros para nais e pais titulado "Sinalando os límites"

Martes 29 de marzo do 2011

Entre os contidos que están presentes na actividade e que se traballarán nas sesións, hai que subliñar a identificación das conductas concretas nas que non se respectan os límites; o fomento da atención positiva e comunicación de sentimentos; enfoques educativos e identificación dos métodos educativos utilizados por cada pai e nai; a diferenciación entre límites brandos e límites firmes; técnicas eficaces para romper cos límites brandos e poñer límites firmes; diferenciar entre mensaxes desalentadoras e mensaxes de estímulo; directrices para empregar mensaxes de estímulo cos/as fillos/as; técnicas para resolver conflitos; avalar as súas regras con consecuencias; as tarefas domésticas: fomentar a corresponsabilidade; ou prepararse para o cambio. A metodoloxía está elaborada con elementos da Psicoloxía das relacións familiares e dos programas de aprendizaxe de competencias sociais e foi elaboradoa dende diversas fontes bibliográficas. Así, emprégase unha metodoloxía activa e participativa a través da implicación dos/as asistentes na dinámica de cada sesión. Pártese das achegas, experiencias e coñecementos dos/as participantes para o desenvolvemento dos contidos de cada sesión, adaptándose estes últimos con flexibilidade ás necesidades e coñecementos de cada grupo. As técnicas empregadas son basicamente: exposición, remuíño de ideas, traballo individual, grupos de discusión e debate grupal.

O programa está estruturado en sete sesións de hora e media de duración cunha periodicidade semanal. A primeira parte da sesión dedícase a supervisar a posta en práctica que a nivel individual realizan os/as nais/pais de cada sesión: manexo de situacións, resultados, dificultades, etc. Na segunda parte, exponse o tema da sesión correspondente. A responsable do desenvolvemento deste Programa que intenta ensinar aos pais e ás nais métodos educativos más eficaces para poñer límites, será unha psicóloga membro da Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica CHISEM. A tarefa de educar como pais e nais é unha das máis apaixonantes polas que pode pasar un ser humano. Nela non só se goza poñendo en práctica todos recursos que coñecemos, senón que tamén, en moitos momentos, as dúbidas sobre como educar ao neno ou nena poden levar a situacións de verdadeiro desánimo e impotencia. Na época na que vivimos aumenta cada día máis o número de pais e nais que se mostran frustrados e desalentados pola mala conducta dos seus fillos e fillas. A inmensa maioría están sinceramente motivados para ser eficaces na educación dos/as nenos/as. Desexan que os/as seus/súas fillos/as cooperen e sexan responsables, pero non saben que facer para que comprendan esa mensaxe. Con estas sesións, preténdese amosar métodos eficaces para outorgar ferramentes que axuden aos pais e nais a controlar esa conduta e a xerar mellores relacións familiares.

Compartir: