Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon en marcha un Plan de...

OFRECE SEIS LIÑAS DE ACTUACIÓN PARA EMPRESAS E AUTÓNOMOS

Carballo pon en marcha un Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial no marco do proxecto Fórum

Venres 1 de abril do 2011

En canto ás liñas de actuación, na referida á internacionalización só poden participar aquelas empresas que conten con algunha experiencia en exportacións no último ano. Os servizos ofrecidos consisten nunha xornada de presentación, nunha asesoría especializada para realizar un estudo de viabilidade e un informe sobre as opcións de inserir os produtos en mercados exteriores. A liña de marketing pretende favorecer a venda de novos produtos ou servizos en mercados existentes ou novos a través da creación de imaxe de marca. Ademais dunha xornada informativa e unha visita ás empresas, inclúe un informe no que se asesore sobre a imaxe, a marca, a identidade corporativa ou o deseño de elementos publicitarios. A terceira e cuarta liñas están moi relacionadas e refírense á mellora da situación financieira e á mellora da xestión de cobros e morosidade. Guillín subliña que son "aspectos fundamentais para moitas empresas" e "un problema determinante nestes momentos", polo que se espera que exista bastante demanda. No caso da mellora financieira, ademais dunha presentación e unha visita, o informe realizado incluirá un plan de finanzas e asesoramento en investimentos e na situación tributaria. No caso da mellora de cobros, o dossier informará sobre a mellora na xestión da morosidade, sobre o control de clientes, sobre vías de reclamación de impagos, etc.

A quinta liña de actuación refírese á planificación estratéxica, en verbas de Guillín, outro aspecto "moi importante, porque planificar o futuro dende a situación de crise na que estamos agora é fundamental". O servizo inclúe unha presentación, visita ás empresas e un dossier no que se achegan solucións para a mellora da xestión da produción, para a captación de novos clientes e para a xestión eficiente de loxística e compras, ademais dunha análise xeral da competencia. Por último, a sexta liña refírese a un sector en auxe, como é o do turismo, e só poderán participar nel axencias de viaxe, hoteis, casas rurais, empresas de transporte turístico, balnearios, campings, campos de golf, empresas de ocio nocturno, restaurantes, etc. Ademais da presentación e da visita ás empresas, entregarase un dossier no que se realiza unha análise dos requisitos para os distintos tipos de establecementos certificables coa Q de Calidade Turística. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere sinalar que este plan "chega nun momento necesario, cando temos que tentar poñernos ao servizo das demandas que hai na cidadanía e reactivar o empresariado con actuacións a nivel local". Para o Alcalde, "o Fórum vai máis alá da construción dun edificio", e anunciou contactos coas asociacións de empresarios e comerciantes para que cada empresa poida ter opción de acollerse a estas liñas. "Nestes momentos é importante optimizar todos os recursos", remata.

Este Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial comezou a finais de 2010 coa realización de estudos e a principios de 2011 púxose en marcha dentro desta iniciativa un Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo no que participaron un total de 24 comercios da vila (para un máximo de 25 prazas) que se beneficiaron da posibilidade de contar cun informe especializado realizado por unha consultora, analizando a faciana, o escaparate e o interior do local, así como a colocación do produto co obxectivo de mellorar a imaxe comercial do establecemento. No futuro, seguiranse poñendo en marcha novas iniciativas, e non se descarta que, dependendo do éxito das primeiras seis liñas de actuación empresarial, se emprendan segundas edicións no futuro. As bases de participación estarán dispoñibles na web a partires do luns 4 de abril.

Compartir: