Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza arrinca con tres...

VENRES 1, SÁBADO 2 E DOMINGO 3 DE ABRIL

Primavera enDanza arrinca con tres espectáculos para todos os públicos, incluída unha estrea en España

Xoves 31 de marzo do 2011

A fin de semana arrinca con Trànsit Dansa e "El salto de Nijinsky". Nijinsky é unha das figuras máis revolucionarias da danza e está considerado como un dos mellores bailaróns do século XX, célebre polo seu virtuosismo e polos seus lendarios saltos. Un destes magníficos saltos, realizado repentinamente cando bailarín levaba 20 anos hospitalizado por esquizofrenia e que foi inmortalizado por un fotógrafo, é a orixe deste espectáculo. A coreógrafa María Rovira reflexiona sobre a memoria e pregúntase que espazo, que lugar da súa memoria espertou e provocou ese salto. Así, "El salto de Nijinsky" é unha coreografía onde o salto lévanos a comprender as viaxes, os saltos da memoria. Trànsit Dansa é unha compañía de danza contemporánea que este ano celebra o seu 25 aniversario. Na súa traxectoria contan con máis de 15 espectáculos cos que participou nos máis importantes festivais de danza contemporánea de Europa e América. A fundadora e directora desta compañía é María Rovira, unha das profesionais da danza de gran prestixio tanto a nivel nacional como internacional. A cita é o venres 1 de abril ás 21.00 horas. A duración do espectáculo, de 65 minutos.

O sábado 2 de abril ás 21.00 horas actúa a compañía galega Sólodosneodans, con "Sólodos". Un único espectáculo para catro pequenos relatos bailados por só dúas persoas. "Caracola", "Nozomi", "Mareia" e "Vigilia en ausencia" son as pezas de danza que integran "Sólodos" e nas que se explora a parella, o amor, o tempo ou o destino. En "Caracola" podemos perdernos e atoparnos, soñar e espertar, chorar e rir. "Nozomi" amosa o valor do tempo e do instante nas imaxes da nosa mente. Nun intre pode ocorrer todo ou non pasar nada. "Mareia" son os camiños que discorren paralelos e se cruzan, onde se frea e non se para, onde o consegues todo e non tes nada. "Vigilia en ausencia" conta cómo a alma só se fai individual durante o breve tempo no que logramos contela, pero cando tende a desbordarse vólvese colectiva, coma un só que se confunde no todo e en cada un de nós. Sólodosneodans comezou o seu traballo artístico en 2010 e está dirixida pola coreógrafa española Maruxa Salas e o coreógrafo costarricense Erick Jiménez, que traballan tamén para outras compañías e recibiron numerosos premios. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

En familia con La Macana

A primeira fin de semana de Primavera enDanza pecha co ciclo En Familia o domingo 3 de abril ás 18.00 horas, de man da compañía galega La Macana, que estrea en Carballo por primeira vez en España "El país de las sombras". Tres personaxes na procura dos seus soños emprenden unha viaxe inesquecible na que a imaxinación e a fantasía lles farán descubrir o universo máxico das sombras. É un espectáculo de ilusións visuais, íntimo e cheo de corazón, que apela á imaxinación e vén precedido dun considerable éxito en Suecia, onde se estreou no ano 2004. La Macana, compañía residente en Galicia e formada no ano 2009, nace da man dos creadores e intérpretes Caterina Varela e Alexis Fernández, que despois de traballar xuntos en diferentes compañías decidiron asumir de maneira independente o seu labor creativo. Como dúo, estrean o seu mellor traballo en 2008, conseguindo o 1º Premio do Certame Coreográfico de Madrid. "El país de las sombras" está realizado en colaboración coa compañía Memory Wax, retomando un traballo anterior desta compañía sueca. A duración prevista do espectáculo é de 40 minutos. Ademais, está previsto un encontro dos espectadores cos protagonistas dos espectáculos, comezando o venres 1, para achegar a linguaxe da danza ao público na cita "Como se crea un espectáculo de danza?" ao remate de cada función. As primeiras vinte persoas inscritas nesta actividade terán dereito a unha invitación para asistir ao espectáculo.

Compartir: