Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e o Club Ciclista Carballo...

FINS DE SEMANA ENTRE O 9 DE ABRIL E O 21 DE MAIO

O Concello e o Club Ciclista Carballo poñen en marcha un ciclo de Rutas en Bicicleta polo municipio

Martes 5 de abril do 2011

Cada unha das rutas conta con paradas programadas en monumentos ou espazos de relevancia do municipio, como cruceiros, castros, igrexas, o Pazo de Vilardefrancos, a Férveda de Rus ou o espazo natural de Razo-Baldaio. A Ruta 1, de 19 quilómetros e de baixa dificultade, transcorre por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza e celébrase o sábado 9 de abril. A Ruta 2, de dificultade media e 19,5 quilómetros, visita Artes, Sofán, Berdillo e Bértoa o sábado 30 de abril. A Ruta 3, que ten lugar o domingo 15 de maio, conta con 27 quilómetros de lonxitude, é de dificultade media e transcorre por Ardaña, Rus e Entrecruces. Por último, o sábado 21 de maio celébrase a última Ruta, a 4, de 32 quilómetros de lonxitude, dificultade media e que realiza un percorrido pola cosa: Razo, Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela. Respecto da organización das saídas, os ciclistas deben concentrarse media hora antes da saída co fin e verificar o bo estado dos vehículos. Ademais, aproveitarase ese momento para a entrega de información da ruta e para realizar unha explicación do percorrido e dos bens históricos que se van visitar. Así mesmo, realizaranse paradas nos monumentos máis importantes durante a ruta.

A organización recomenda o uso do casco. As rutas contarán coa supervisión e colaboración de Protección Civil e da Policía Local, pero cando o percorrido sexa por estradas, as vías estarán abertas ao tráfico, polo que deberán respectarse as normas de circular pola dereita e como moito en fila de a dous. Os membros do Club Ciclista serán os encargados de encabezar a marcha a un ritmo que todos os ciclistas poidan manter e tamén se encargarán de velar polo cumprimento de todas das normas de tráfico e de axudar aos participantes. Recoméndase tamén levar roupa de abrigo se o día non é soleado, levar auga e accesorios para reparar unha picada (cámara e bomba de aire). O obxectivo da actividade, segundo Juan Seoane, é "unir a parte lúdica e a deportiva, centrándose tamén no patrimonio cultural de Carballo". O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que "Carballo ten moitos espazos e edificios por descubrir e coñecer" e tamén resaltou que as catro rutas dan cobertura á práctica totalidade do territorio. Desexou que a iniciativa serva para "fomentar o uso deste tipo de vehículos" e manifestou a disposición do Concello a seguir colaborando co Club Ciclista Carballo.

Os interesados e interesadas poden descargar unha guía das rutas en pdf nesta mesma nova.

Compartir: