Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local carballesa...

UN SISTEMA INFORMÁTICO AXUDA NA XESTIÓN DE CADA CASO

A Policía Local carballesa incorpórase activamente no seguimento e protección das vítimas de violencia de xénero

Mércores 6 de abril do 2011

A través deste programa informático, poderase realizar unha valoración do risco de cada caso a través dunha ferramenta construída cos datos de 40.000 casos reais e validada por un grupo de expertos entre os que se atopan representantes de importantes Universidades e das forzas de seguridade. Con este sistema, a Garda Civil e a Policía Local son quen de determinar o risco da vítima de sufrir unha agresión, reflectido catro niveles: o extremo, que implica unha supervisión periódica cada 72 horas; o alto, con controis cada sete días; o medio, con supervisión cada 30 días; e o baixo, con controis cada 60 días. Tamén é posible que un xuíz determine o nivel de seguimento co que debe contar cada vítima. Este sistema ten como obxectivo concentrar e integrar nunha única base de datos toda a información relativa a cada vítima e a cada caso, ademais de facilitar a colaboración entre as institucións e as forzas de seguridade ao contarse cun único sistema de información. O obxectivo xeral é a diminución dos casos de falecemento por violencia de xénero e ofrecer un xeito máis racional de axudar ás vítimas. O sistema contará, así mesmo, cunha comisión técnica de seguimento para avaliar os resultados e o seu funcionamento. Ademais de en Carballo, na Costa da Morte este sistema tamén se pon en marcha en Vimianzo.

No Concello carballés, unha muller que precise axuda por un caso de violencia de xénero pode dirixirse, ademais de ás forzas de seguridade, ás oficinas de Servizos Sociais situadas na planta baixa da Casa do Concello. Aí son derivadas ao CIM (Centro de Información á Muller) onde se atenderá o seu problema de xeito gratuíto, contando cunha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada ao seu dispor. A través do CIM poden obter axuda psicolóxica en casos de agresións sexuais, maltrato ou acoso sexual; realizar trámites de xustiza a través dunha avogada ou procuradora de oficio, denuncias por agresións e ameazas, xestionar a separación ou divorcio; informarse sobre casas de acollida e obter todo tipo de información sobre a igualdade entre xéneros e sobre o recursos dispoñibles na comarca. O horario é de luns a venres de 9.30 a 14.00 horas; o horario da atención xurídica é, con previa cita, os martes e xoves de 16.00 a 18.00 horas e os venres de 12.00 a 14.00 horas; a atención psicolóxica, tamén con cita previa, é os luns, martes e venres de 8.30 a 14.30 horas. No CIM atenderase a calquera muller de Carballo ou da comarca de Bergantiños que se sinta desfavorecida ou precise información ante calquera cuestión persoal, familiar ou laboral.

Compartir: