Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para participar e inscribirse na...

ATÉ O 27 DE ABRIL ÁS 13.00 HORAS

Aberto o prazo para participar e inscribirse na cuarta edición dos Premios Carballo Emprende

Venres 8 de abril do 2011

No caso dos Programas de Fomento da Emprendeduría, os obxectivos son promover a cultura emprendedora no ámbito educativo, impulsar a creación de proxectos empresariais e apoiar os programas formativos que teñan como principal obxectivo o fomento da emprendeduría. Poderán participar no Premio de Fomento da Emprendeduría os centros educativos e entidades sen ánimo de lucro que programen actividades ou accións encamiñadas á consecución destes obxectivos. O prazo de inscrición remata o mércores 27 de abril ás 13.00 horas. Por parte do Concello de Carballo entregarase un premio de 1.000 euros á entidade que presente o programa que obteña unha maior puntuación segundo o ditame do xurado. Para valorar as candidaturas teranse especialmente en conta os seguintes criterios: o número de persoas beneficiarias do programa; o contido do programa e a súa vinculación coa realidade económica e social dos municipios incluídos na convocatoria; o carácter innovador do programa. O xurado estará integrado por tres membros en representación da Cámara de Comercio da Coruña e tres membros en representación do Concello de Carballo, un deles o Concelleiro de Promoción Económica, que actuará como Presidente do xurado. A entrega de premios tanto para o Concurso de Ideas Empresariais como para o de Programas de Fomento da Emprendeduría, entregaranse durante o transcurso da celebración das Xornadas Carballo Emprende, que terán lugar os días martes 3 e mércores 4 de maio de 2011.

Carballo Emprende concíbese coma un punto de encontro para a emprendeduría e o mundo empresarial, para persoas con inquedanzas polo autoemprego, o cooperativismo ou outras oportunidades de negocio na comarca que buscan a forma de poñer en práctica as súas ideas ou dinamizar as súas empresas. Esta iniciativa pretende ser un compromiso cos emprendedores e emprendedoras, un colectivo que garante o futuro económico e que contribúe a xerar postos de traballo. Carballo Emprende tamén ten un marcado carácter divulgativo, sen esquecer o seu obxectivo de crear sinerxías que favorezan os encontros entre emprendedores e mesmo empresas xa consolidadas. Así, por un lado están os debates, ciclo de charlas orientativas, e actividades de divulgación e asesoramento. Neste sentido, trátase de contar coa presenza de recoñecidos expertos, representantes de distintas institucións e entidades relacionadas co mundo da emprendeduría e consolidación e dinamización empresarial. Por outro lado, están os Premios Carballo Emprende, que teñen por obxectivo o fomento da cultura emprendedora e o recoñecemento de proxectos e programas emprendedores.

Os interesados e interesadas en consultar as bases polo miúdo e en descargar os impresos de solicitude, poden facelo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: