Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados o expedientes de contratación...

ADHESIÓN A UN CONVENIO DA FEGAMP E A FUNDACIÓN MANUEL MARÍA

Aprobados o expedientes de contratación para dúas obras de saneamento nas parroquias de Goiáns e Ardaña

Luns 11 de abril do 2011

No apartado de convocatorias, a Xunta de Goberno aprobou as bases específicas e convocatoria para cubrir en propiedade tres prazas de Oficial de Obras incluídas na Oferta de Emprego Público do Concello de Carballo para 2010. O procedemento é o de concurso oposición e o prazo de presentación de instancias, unha vez publicada a convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE), será de 20 días naturais. Saíron adiante, así mesmo, as bases específicas e a convocatoria para cubrir en propiedade unha praza de Encargado de persoal de Obras incluída na Oferta de Emprego Público do Concello para 2010. Trátase tamén neste caso dun concurso oposición de promoción interna e o prazo de presentación de instancias, como no caso anterior, será de 20 días naturais unha vez publicada a convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Por último, a Xunta de Goberno aprobou as bases específicas e a convocatoria para cubrir en propiedade catro prazas de Auxiliar Administrativo incluídas na oferta de emprego público do Concello de Carballo para 2010. O procedemento é de concurso oposición de quenda restrinxida e o prazo de presentación de instancias será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).

No que se refire a convenios, saíu adiante a adhesión a un convenio de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos para a promoción e a realización de actividades culturais. A Fundación Manuel María é unha organización de interese galego sen ánimo de lucro que ten como obxecto a conservación e difusión da obra de Manuel María e a promoción da cultura galega en xeral. Mediante este acordo a FEGAMP comprometeuse en xuño de 2010 a favorecer a realización nos concellos de actividades relacionadas coa promoción e desenvolvemento da lingua e cultura galegas e axudar a Fundación á realización de investimentos coa finalidade de contribuír a consecución do seu plan de actividades. Entre elas, figura a dotación á Fundación do inmoble no que naceu Manuel María, así como a colaboración na súa rehabilitación para que se expoña a obra, os traballos e pertenzas do escritor, así como para promover a creación e difusión da lingua galega. O Concello de Carballo colaborará cunha achega única de mil euros para a adhesión a este convenio. A sesión ordinaria da Xunta de Goberno supuxo, así mesmo, a autorización de oito vaos permanentes, seis licenzas de obra, dúas licenzas de actividade e unha licenza de primeira ocupación.

Compartir: