Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Telecentro de Comunicación acolle un...

O OBXECTIVO DAS ACTIVIDADES É MINIMIZAR A FENDA DIXITAL

O Telecentro de Comunicación acolle un obradoiro de "Iniciación á Internet" e outro de "Correo electrónico"

Martes 12 de abril do 2011

Os e as participantes que están a participar nestes cursos fixeron chegar as súas inquedanzas sobre estas novidades, e sobre a necesidade de recibir información. Desta maneira, o Telecentro programou esta serie de obradoiros, na que, ademais dos xa mencionados que están en marcha, xa rematou o relativo á "Iniciación á Informática", onde os e as participantes tiveron ocasión de familiarizarse co entorno do ordenador e as súas ferramentas básicas a principios do mes de abril. Así mesmo, o Telecentro de Comunicación informa de que entre o luns 11 de abril e até o vindeiro xoves 14, no Telecentro estase a levar a cabo un curso da Rede CeMIT de "Xestión de Contidos" en horario de tarde, ocupando así o horario de tardes da Aula Aberta. Por último, hai que mencionar que os días mércores 13 de abril e xoves 14 do mesmo mes o Telecentro de Carballo estará pechado ao público polas mañás pola formación e capacitación do propio Telecentro co obxectivo de poder seguir a actualización do mesmo nas Novas Tecnoloxías que se nos conceden. Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas polas molestias ocasionadas aos e ás usuarios/as dos servizos ofrecidos polo Telecentro de Comunicación do Pazo da Cultura, tanto polo curso da Rede CeMIT, como pola capacitación.

No que respecta á Rede CeMIT, creouse como elemento xerador de crecemento e desenvolvemento económico no marco das directrices da Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. O seu obxectivo é posibilitar a adhesión de todos aqueles centros que dispoñan das infraestructuras necesarias, en particular os centros pertencentes á rede de Telecentros de España ubicados en Galicia e, en xeral, ás bibliotecas, centros cívicos, asociacións, fundacións, etc., que conten cos medios precisos para a súa incorporación. Os diferentes servizos teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, inmigrantes, mulleres, persoas con discapacidade e maiores; os profesionais das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc.

Compartir: