Inicio Carballo ao día Hemeroteca A "Gala Americana" une a The Cerne, a...

SÁBADO 16 DE ABRIL ÁS 20.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A "Gala Americana" une a The Cerne, a Coral "El Eco" e a Orquestra de Melide nun espectáculo "sorprendente"

Mércores 13 de abril do 2011

Vázquez Arias quixo subliñar a "fabulosa acollida" que a "Gala Americana" tivo no Teatro Colón da Coruña, no que iniciou a súa andaina os días 10 e 11 de abril. Agora o 16 está no Pazo da Cultura de Carballo e o 17 viaxa ao Teatro Jofre de Ferrol, pero o director da proposta asegura que neste momento estase negociando a posibilidade de facer una xira en verán que leve o espectáculo por toda Galicia. O grupo The Cerne quixo contar para o público carballés as súas impresións do espectáculo, que califican de "sorprendente" e que no Teatro Colón conseguiu poñer ao público en pé, a pesares dos nervos que pasaron, segundo confesa Belén Rey, a vocalista. Subliñaron o bo ambiente que houbo tanto coa Coral como coa Orquestra Sinfónica, e tamén destacaron, en verbas de Fran Méndez, que "é unha oportunidade ao alcance de moi poucos grupos e para nós foi un pracer", sobre todo, tamén pola aprendizaxe que supón para eles esta colaboración, especialmente na faciana técnica, nunha experiencia "moi enriquecedora", afirma Belén Rey. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou estar satisfeito por "poder traer un espectáculo tan potente como esta gala", que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, e especialmente para "poñer en valor artistas queridos e coñecidos por nós", como é o grupo The Cerne, e "para poñer en valor instalacións como o Pazo da Cultura".

Reserva telefónica da entrada ao espectáculo

O espectáculo contará, ademais, cun éxito de público asegurado, porque xa hai listaxe de espera para poder asistir á "Gala Americana". A organización quere lembrar que, de todas formas, as persoas que queiran asistir, aínda que teñan invitación, deben confirmar obrigatoriamente a súa asistencia coa máxima antelación posible chamando ao Pazo da Cultura (981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas). Unha vez realizada a reserva, será necesario trocar a invitación por unha ou dúas entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura, dende dúas horas antes do comezo do espectáculo (de 18.30 a 20.00 horas). Media hora antes do inicio da gala anularanse as invitacións que non teñan sido canxeadas telefonicamente e poranse a disposición do público que non teña invitación a partires das 20.00 horas. Quen poidan asistir comprobarán que a "Gala Americana" é moito máis que un concerto. É unha montaxe que conforma unha proposta única, ilusionante, chea de cor vocal e instrumental, feita a partir do traballo de máis de seis meses dos arranxos orixinais, non só de Fernando Vázquez Arias, senón tamén do compositor Enrique Rodríguez, que adaptan formacións clásicas e temas de fama universal para a interpretación de formacións populares ou incluso rockeras. E tamén co traballo dos ensaios das tres formacións implicadas, que unen os seus talentos nun espectáculo único.

Compartir: